O Valadouro, 5 de decembro de 2013.- A Xunta de Galicia investiu preto de 135.000 euros (134.265 euros) nas obras para dotar de saneamento a tres barrios da parroquia de Moucide, dentro do concello do Valadouro, así como para facilitar a xestión de residuos e a potabilización de augas nos mesmos núcleos de poboación. As obras, sufragadas a través do Fondo de Compensación Ambiental, afectaron aos barrios de Pe de Areosa, Teixoeira e O Campón.
O proxecto, que deu continuidade a obras de mellora e modernización do saneamento executadas na mesma parroquia de Moucide durante o ano 2011 e 2012, supuxo a instalación dunha rede de colectores por gravidade que se conectou cos existentes grazas ás actuacións realizadas nos anos anteriores.
Deste xeito, procedeuse á realización de zanxas para a instalación posterior dun sistema de canalización mediante tuberías de PVC e pozos de rexistro que facilitou a disposición dun sistema de saneamento con sistema separativo de augas nos tres barrios sinalados.
Unha vez instalados os sistemas de canalización e de rexistro, procedeuse tamén á reposición e mellora da pavimentación das vías afectadas polas obras tanto no Pe de Areosa como en Teixoeira e O Campón. En total, as obras supuxeron a actuación nun tramo viario de preto de 1,5 quilómetros.
Así mesmo, a maiores desta partida achegada ao Concello do Valadouro con cargo a este fondo, incluiuse na presente anualidade unha achega de 46.105 euros para gastos de funcionamento do propio ente local, facilitando que a subvención total aportada ao consistorio mariñao supere este ano os 180.000 euros.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, sinalou que o Fondo de Compensación Ambiental, posto en marcha pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, permite aos concellos “a realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego” e distribúense entre todos os concellos cuxo territorio municipal estea dentro da delimitación dun parque eólico e, igualmente, aos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
Esta iniciativa, indicou Arias, reflicte “un triplo compromiso da Xunta, co medio ambiente, coas facendas locais”, posto que representa un importante ingreso para os concellos, “e por último, co reequilibrio territorial, dado que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais da comunidade galega”.
Este xoves, técnicos da Xunta de Galicia visitaron a zona para comprobar o remate dos traballos acometidos e estender a correspondente acta de finalización do devandito proxecto.