Burela, 6 de decembro de 2013. O Programa de Atención a Inmigrantes da Concellería de Servizos Sociais de Burela, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, participará a vindeira semana do 9 ao 13 de decembro nos actos da Irmandade Galicia-Cabo Verde.
Segundo explica a edil Diana Durán “debido ao grande traballo realizado no ámbito da cooperación en Cabo Verde, máis de 15 anos, dous membros dos municipios caboverdianos cos que se traballou veñen a Galicia para fomentar e sensibilizar sobre o cooperativismo e o municipalismo. Concretamente o grupo de persoas que veñen de Cabo Verde está formado por un alcalde, a única alcaldesa do país e un xornalista”.
Os asistentes a este encontro son Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de municipios caboverdianos e presidente da Cámara Municipal de Ribeira Grande de Santiago, “curiosamente a localidade do país de maior procedencia da comunidade caboverdiana asentada en Burela”; Rosa Lopes Rocha, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo, na illa de Santo Antao, “polo momento a única localidade caboverdina cunha muller alcaldesa, debido en grande medida polo traballo do Fondo Galego neste municipio sobre cuestións de igualdade de xénero”; e Vlademiro Almeida Marçal, xornalista do Expresso das Ilhas será o encargado de conectar Galicia e Cabo Verde durante a semana do 9 ao 13 de decembro”.
En Burela esta delegación vai estar o luns, 9 de decembro, e durante todo ese día haberá diferentes actos para distintos públicos co obxectivo de divulgar a importancia desta visita. Os actos son os seguintes:
-12:30 horas. Contacontos titulado Antía, Wamba e o regato pequeno da Tropa de Trapo. Contacontos intercultural organizado para o alumnado de 5º e 6º de primaria dos colexios municipais e que será representado na Casa da Cultura.
-13:30 horas. Visita institucional e rolda de prensa no Concello de Burela.
-17:30 horas. Inauguración da exposición Caboverdianos na Mariña na Casa da Cultura, organizada polo Concello de Burela e a Asociación Batuko-Tabanka.
-18:00 horas. Encontro coa comunidade caboverdiana na Casa do Concello, acompañando o encontro os grupos Batuko-Tabanka e Rabentola.