Lugo, 27 de decembro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinará este curso 2013/14 contratos-programa con 38 centros educativos da provincia de Lugo, o que supón un incremento de 7 centros respecto do curso pasado, un 22,6% máis. O obxectivo desta iniciativa é conseguir que preto de 6.000 alumnas e alumnos da provincia – un 54,5% máis ca no 2012/2013- se beneficien destes contratos-programa, grazas á implicación de preto de 700 docentes, un 136,7% máis dos docentes implicados na provincia o curso pasado.
Os centros que asinarán cadanseu contrato-programa desenvolverán un total de 69 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 43,7% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 32 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 28-; 17 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 11 do 12/13-; 8 para a mellora da convivencia (no ano académico anterior foron 5); 3 dirixidas á redución do abandono escolar –no 12/13 non se desenvolveron na provincia actuacións nesta liña -; 7 para favorecer a excelencia educativa – case o dobre que as 4 do ano anterior-; e 2 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.
A relación de centros implicados coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web http://www.edu.xunta.es/web/node/11424.
Éxito da terceira convocatoria
A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.
Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.
Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.
Centros da Mariña
Son un total de 4 colexios da Mariña (CEIP Virxe do Carme, de Burela; CEIP Plurilingüe da Pontenova; CEIP Gregorio Sanz, de Ribadeo; e CEIP Lois Tobío, de Viveiro) e outros tantos institutos de Educación Secundaria os que participarán neste programa da Xunta (IES Monte Castelo e Perdouro, de Burela; IES de Foz e IES Plurilingüe San Rosendo, de Mondoñedo).