Foz, 16 de decembro de 2013. A Praza Conde de Fontao, na zona portuaria de Foz, acollerá a terceira edición do Mercado da Ilusión, que se celebrará dende 27 ata o 29 de decembro. Haberá nove postos, que se instalarán nas casetas de madeira que acaba de mercar o Concello cunha subvención de Grupo de Acción Costeira.
Esta iniciativa foi presentada este luns polo alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, e unha representación dos participantes no mercado. O rexedor municipal explicou que “un ano máis unha serie de comerciantes de Foz quixeron estar co Concello e organizar para todos os rapaces de Foz e da Mariña que queiran acercarse á Praza Conde de Fontao, na zona portuaria, esa fin de semana para gozar dun mercado de Nadal precioso onde vai haber diferentes actividades, vanse poder comprar cousiñas de Nadal e sobre todo gozar da ilusión e vivir un momento bonito, sobre todo para os máis pequenos”.
Castiñeira destacou que “este ano estreamos infraestrutura, unhas casetas de madeira que financiou o Grupo de Acción Costeira dependente da Consellería do Mar, que se van usar para estas actividades e para outras, como festas gastronómicas. Este ano a temática do mercado está baseada nos contos dos pitufos e os 8 comerciantes que van estar alí máis a Protectora de Animais, que tamén terá un posto, ambientarán as casetas con adornos de Nadal e tamén con motivos dos contos dos pitufos. Vai estar moi bonito e vai haber unha serie de concursos e moitas actividades durante a fin de semana para que todos os rapaces e os pais poidan gozar dun momento de Nadal aquí, no concello de Foz”.
O alcalde agradece “a todos os comerciantes a súa participación, porque sen eles sería totalmente imposible levar a cabo esta iniciativa. E quero animar á xente a que se acerque a Foz neste Nadal porque hai moitas actividades. Este fin de semana pasado houbo gran actividade co festival benéfico do asilo, que foi un éxito e recadáronse mil euros. E despois o festival de corais de Nadal, que tamén tivo moita presenza de público. Estas actividades rematarán o día 5 de xaneiro coa Cabalgata dos Reis Magos. Son unhas festas cheas de actividades organizadas polo Concello, polos comerciantes e pola Acia de Foz”. E rematou animando “a comprar en Foz e na Mariña, porque tamén grazas aos comerciantes se poden facer estas actividades”.
Un dos participantes no Mercado da Ilusión, Moncho Castro, explicou que “este ano somos nove, unha delas de Burgos que xa participou no mercado da Festa Normanda e tiña gañas de volver a Foz. É un mercado de Nadal pero non é o típico. Cada ano ambientámolo nun conto, pensando nos nenos, e nesta ocasión está dedicado aos pitufos”.
Os postos serán de Amarena, Anduriña, A Ponte de Ferro, Arrullos, Chinela, Chus Lage, Fibela e Tiangélica hace jabones, ademais da Protectora de Animais de Foz. Poñerán a venda produtos de pastelería, artesanía, roupa infantil, mercería e calzado, entre outros. E colaboran o Concello de Foz e os establecementos hostaleiros que hai na zona do peirao: A Funcional, A Rambla, A Rula, O Lar, O Muelle e O Náutico.
Sobre o programa de actividades Moncho Castro destacou que o 27 de decembro ás 11 da mañá “farase unha inauguración coa actuación do grupo folclórico Andaravío e despois empezará un concurso de debuxo para os nenos, que será durante o venres e o sábado e os rapaces van ter a súa disposición pinturas e folios para poder debuxar o que queiran relacionado co Mercado da Ilusión. Tamén teremos un Buzón da Ilusión, no que poderán depositar cartas con ilusións que teñan para o novo ano e ideas para que poidamos levalas a cabo no 2014. O sábado faremos o que chamamos A Noite Azul e entregaremos vales para os que veñan vestidos de pitufo ou que leven algunha prenda azul; eses vales, unha vez selados, serviranlles para tomar unha consumición nos locais hostaleiros que colaboran con nosoutros. O venres e o sábado ás sete da tarde proxectaremos unha película dos pitufos”.
Moncho Castro tamén anunciou que “faremos un sorteo con toda a xente que veña disfrazada, darémoslle unha rifa para entrar no sorteo dunha cena para dúas persoas e velada cun famoso, que non dicimos quen é para que sexa sorpresa. Pero xa contactamos con el e está disposto a vir e a pasar unha velada coas dúas persoas que resulten premiadas. O domingo durante todo o día haberá inchables para os nenos e ás doce do mediodía estará o grupo O Feitizo facendo unha actuación. Despois teremos a entrega de premios do concurso de debuxos e das tres cartas máis orixinais do Buzón da Ilusión. Pola tarde faremos unha festa de disfraces para os nenos na que repartiremos chuches e premios. Tamén sortearemos unha cesta de Nadal entre a xente que compre nas casetas. E ás nove da noite terá lugar a clausura co grupo Andaravío.”