Cervo, 9 de decembro de 2013- O Concello de Cervo convoca unha nova charla informativa (mércores 11, 19:30 horas, Casa da Cultura) sobre o Plan de emerxencias do encoro de Río Covo, neste caso dirixida a todos os veciños e veciñas do municipio, especialmente a aqueles que se atopan na zona de influencia, como son os habitantes da zona baixa de San Ciprián, é dicir, os que viven máis preto do río Covo, as vivendas situadas nas proximidades do cruce de Río Covo coa estrada nacional (próximas ao encoro), Lieiro e O Guioncho.
De todos os xeitos, dende a Concellería de Seguridade Cidadá, o edil José Ramón Soto asegura que “é recomendable que todos os cervenses acudan a esta charla xa que nela darase información de seguridade moi relevante”.
Esta reunión forma parte da campaña de información á poboación posta en marcha polo departamento de Seguridade Cidadá do Concello de Cervo a través de técnicos municipais de emerxencias, Alcoa, a Dirección Xeral de Emerxencias e Augas de Galicia. A primeira xuntanza para informar á poboación, celebrada a semana pasada, estaba dirixida aos representantes das asociacións e, previamente, organizouse unha reunión para informar aos membros da corporación. Agora, a charla esténdese a toda a cidadanía.
O Concello agarda que acuda a esta reunión o maior número de persoas posible xa que “é de vital importancia que todos e cada un dos veciños saiba como actuar nun hipotético caso de incidente no encoro de Río Covo” explica Soto. Por iso, na xuntanza vaise explicar o contido do plan, que inclúe todas as medidas a activar en caso de perigo e durante todas as fases, dende a prevención ata protección e evacuación da poboación.
Tal e como se vén insistindo dende que se iniciou a campaña de información á poboación, estas medidas só buscan ter contempladas todas as posibles situacións e as respostas recomendadas en cada caso ante un improbable incidente no encoro de Río Covo xa que “as posibilidades de que haxa un problema son moi reducidas”, explica o edil.
Contidos
Na xuntanza tamén se darán a coñecer as pautas de actuación que debería seguir a poboación, que inclúen consellos básicos de seguridade así como outras indicacións máis específicas sobre o caso do encoro de Río Covo. Tamén se ofrecerá información sobre os cinco puntos de encontro habilitados aos que debería acudir a poboación ou ser evacuada en caso de incidente. Hai un por cada zona de vivendas, polo que cada veciño debe coñecer o máis próximo. Ao mesmo tempo, os veciños poderán realizar preguntas e resolver as súas dúbidas sobre o plan.
Os técnicos tamén informarán da existencia de sirenas de aviso á poboación, que só se activarían nun suposto de máxima emerxencia. Aínda así, a veciñanza debe aprender a recoñecelas así como a diferenciar os diferentes códigos, basicamente os que indican o inicio e o fin da alerta.
Neste sentido, tamén é importante anunciar que antes do remate do ano realizarase unha proba sonora coas sirenas, unha medida que ten un dobre obxectivo. Por unha banda, os técnicos comprobarán o bo funcionamento dos dispositivos, e por outra, os veciños aprenderán e recoñecer os sinais acústicos. Ao mesmo tempo, reproduciranse mensaxes de voz que avisarán de que se trata dun simulacro. A data concreta da proba anunciarase durante a reunión deste mércores e divulgarase a través de diferentes medios.