Lugo, 4 de decembro de 2013.- O Grupo Provincial Popular instou este mércores ao Señor Gómez Besteiro, a que aplique e poña en marcha medidas de prevención nas estradas da provincia de Lugo, que por mor dos fenómenos meteorolóxicos do inverno, rexistran unha maior perigosidade.
Logo de escoitar as protestas de veciños e de representantes locais de varios concellos da provincia e co obxecto de garantir a viabilidade e intentar incrementar a seguridade nos viais, especialmente por aqueles polos que pasa o transporte escolar, os populares, fanse eco destas queixas e urxen á Deputación de Lugo a que bote sal nas estradas provinciais para evitar o risco de accidentes por mor das xeadas.
Tanto é así, que os populares, presentaron un escrito no Organismo Provincial, solicitando a posta en marcha, con urxencia, das medidas preventivas necesarias nas estradas que así o requiren, especialmente nas rutas de transporte escolar, para reducir o risco que o período invernal xera nos viais.
Os populares subliñan que a climatoloxía e as condicións adversas que se xeran nesta estación fan que sexa necesario levar a cabo medidas preventivas destinadas a anticiparse aos principais problemas que pode conlevar esta situación polo que, co obxecto de garantir a viabilidade e intentar incrementar a seguridade nas estradas provinciais, piden a Gómez Besteiro que leve a cabo, inmediatamente e con urxencia, as medidas preventivas necesarias.