Foz, 26 de decembro de 2013. O Mercado da Ilusión de Foz será inaugurado este venres, ás once da mañá, e estará aberto ata o domingo na praza Conde de Fontao. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, destaca esta actividade dentro da programación de Nadal organizada polo Concello focense.
O rexedor municipal anunciou este venres que “mañá, venres, o Concello de Foz e máis un grupo de comerciantes inauguran o Mercado da Ilusión para que un ano máis todos os nenos do municipio e da Mariña se acheguen á zona portuaria de Foz, concretamente á praza Conde de Fontao, onde están instaladas unhas casetas para os postos do Mercado da Ilusión. É un punto de referencia nos actos de Nadal organizados polo Concello de Foz”.
Javier Castiñeira engadiu que “este ano está dedicado ao conto dos Pitufos e vai estar moi ben engalanado e moi bonito. Durante o venres e todo o fin de semana estará activo e todos os pais poderán levar os nenos ao Mercado da Ilusión. Estamos moi contentos porque xa estea consolidado dentro dos actos de Nadal organizados polo Concello de Foz e que rematarán o próximo día 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos. Queda todo o mundo invitado a pasar por Foz este fin de semana e visitar o Mercado da Ilusión, que sen dúbida aos nenos lle gustará moito porque estará moi bonito”.