Mondoñedo, 03 de decembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo agradece que a Xunta de Galicia concedese a Mondoñedo 4.846,65 euros para a contratación dunha persoa para a oficina de turismo durante os meses de xullo, agosto e setembro.
O Diario Oficial de Galicia dálle publicidade hoxe a esta axuda concedida pola Axencia de Turismo de Galicia que ía dirixida a reforzar a actividade turística durante os meses de verán (xullo, agosto e setembro) nos concellos declarados de interese turístico.
O Partido Popular de Mondoñedo reitera esta involucración da Xunta de Galicia coa dinamización dunha das principais actividades da localidade e que permite reforzar o municipio como destino e aproveitar o seu enorme potencial.
Do mesmo xeito, os populares contrapoñen o traballo promovido pola administración autonómica á xestión de Orlando González que non foi quen de contratar ao novo empregado ata setembro, cando a subvención ía destinada aos meses de xullo, agosto e setembro.
O turismo, unha das áreas potenciais do municipio
O turismo, segundo explican os populares, é unha das áreas potenciais do municipio, que dende a “administración local se debe potenciar”. Deste xeito, esta colaboración da Xunta permitiu dotar ao Concello do orzamento necesario para darlle cumprimento a unha moción aprobada por unanimidade e rexistrada polos populares na que se pedía o impulso da oficina de turismo, como unha das principais medidas para potenciar a actividade a nivel local.