No pasado pleno ordinario do 07/10/2013 o grupo municipal popular presentou en Xove unha moción tipo que se correspondía cunha campaña dirixida dende a dirección provincial do PP para instar en todos os concellos da Mariña unha iniciativa relativa á atención e tratamento de pacientes oncolóxicos. Esta iniciativa naceu unha vez máis para tentar desviar a atención cidadá tras ditaren na Xunta o Decreto de Xestión Integrada que deriva á capital da provincia as competencias de xestión das áreas sanitarias de Monforte e A Mariña. Unha derivación que o PP sempre negou por activa e por pasiva, incluso botando man de panfletos que se repartiron baixo o título de “A VERDADE SOBRE A SANIDADE DA MARIÑA” nos que se recollía por escrito o compromiso do Goberno autonómico de garantir a “continuidade e total autonomía da Área Sanitaria da Mariña” e no que aparecían manifestacións de Alberto Núñez Feijóo, vertidas o 04/10/2009 na Festa da Faba de Lourenzá, nas que aseguraba literalmente que: “o Hospital de Burela desfrutará dunha autonomía total, non vai depender para nada de Lugo”.
Aínda así, e a pesar de seren conscientes os concelleiros nacionalistas de estaren asistindo de novo a unha campaña de propaganda tras os continuos recortes orzamentarios no eido sanitario e a perda en Xove dunha praza de facultativo, a moción do PP foi aprobada por unanimidade.
Nese mesmo debate plenario, o BNG presentou unha proposta de resolución de engadido respecto á moción do PP por considerar que a proposta de acordo non concretaba de xeito claro o compromiso da corporación municipal de Xove cos doentes oncolóxicos. O alcalde-presidente respondeu literalmente, tal e como aparece reflectido na acta, que: “a proposta de engadido é de tal magnitude que sería mellor que se plantexara como unha moción independente
Por esta razón, o concelleiro-portavoz do grupo municipal nacionalista accedeu á petición da alcaldía e é por iso que, coa intención de concretar esta iniciativa dun servizo de oncoloxía no Hospital de Burela e para non xogar coa sensibilidade da cidadanía nunha doenza tan grave coma o cancro, solicitan do pleno da corporación municipal a adopción do seguinte acordo:
1.- Instar a Xunta de Galiza para a creación na Mariña dun Hospital Oncolóxico de Día coa dotación de medios persoais e materiais, e mais dun espazo físico que permita a atención integral dos doentes. Tamén se estabelecerá unha Unidade de Coidados Paliativos e Hospitalización a Domicilio con recursos humanos, materiais e parque móbil suficiente que permita atender a veciñanza de todos os concellos da área sanitaria da Mariña.
2.- Reclamar da Xunta de Galiza a posta en funcionamento do Servizo de Radioterapia no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) e así evitar desprazamentos a outras provincias.
3.- Dar traslado deste acordo ao presidente da Xunta e aos portavoces de todos os grupos políticos do Parlamento galego.