Dende o PSdG-PSOE de Burela queremos informar a todos os veciños e veciñas de Burela, que ante a negativa do noso Alcalde de convocar o Pleno Ordinario que debera terse celebrado no noso Concello o día 28 de novembro tal e como está determinado e pactado, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Burela se ve obrigado a solicitar a celebración dun Pleno Extraordinario, tal e como marca a lei, para tratar asuntos que entendemos que son da máxima prioridade. Ante a imposibilidade de plantexalos no Pleno Ordinario por non celebrarse, vémonos na necesidade de facer esta convocatoria.
A solicitude que imos a presentar no rexistro do Concello vai a constar de tres puntos:
– Solicitar a implantación de forma urxente da Área Sanitaria Integrada na Mariña
Ante a preocupante situación de desmantelamento que estamos a observar, día tras día, no Hospital da Costa que xa de maneira clara está derivando a súa actividade cara a Lugo, coa conseguinte problemática que se lles ocasiona ós nosos veciños e veciñas, entendemos como urxente pedir que se de marcha atrás á Área Sanitaria Integrada de Lugo e que o Hospital da Costa volva a ter a súa xestión en Burela, e que todas a decisións con respecto a persoal, provedores, contratacións, etc…dependan totalmente do Hospital da Costa. Entendemos como básico que o Hospital da Costa teña independencia económica de Lugo o que redundará nun mellor servizo de atención e moitas menos derivacións de pacientes a Lugo.
Neste aspecto recordamos o desmantelamento do servizo de Contabilidade do Hospital da Costa con cinco traballadores ós que xa se lles suxeriu o seu traslado a Lugo, a desaparición como entidade fiscal do Hospital da Costa ó serlle retirado o NIF (Número de Identificación Fiscal) con todo o que isto supón de pasar a depender para todo o aspecto económico de Lugo, e as listas de espera e derivacións que se están a sufrir por parte dos nosos veciños e veciñas cara a Lugo (maioritariamente a clínicas privadas).
– Revogación dos acordos tomados no Pleno Extraordinario do Concello de Burela celebrado o pasado día 15 de Novembro do 2013 referido ó aumento da taxa de basura dun 34% do canon de Sogama
Como xa denunciamos no seu día entendíamos que o Sr Barcia tiña moita presa en meterlle ós veciños e veciñas de Burela unha nova subida de impostos escudándose en que a Xunta do PP acometería unha subida do canon que os Concellos lle terían que aboar a Sogama polo tratamento do lixo.
O Sr Barcia non esperou nin tan sequera a que este acordo fose firme, e agora os alcaldes do seu propio partido o deixan nunha situación complicada xa que están a negociar un acordo coa Xunta para que esta subida non se aplique na súa totalidade ata o ano 2015, cando o Sr Barcia e o seu equipo de “desgoberno” xa teñen aprobada esta subida da taxa para xaneiro do 2014. Dende o PSdeG-PSOE de Burela imos a solicitar que se revoque este acordo, e que en ningún caso se suba este canon nin agora nin no 2015 xa que non estamos pola labor de que os nosos veciños paguen as decisión que o Partido Popular toma en Madrid e Santiago, có beneplácito obediente do Sr Barcia en Burela.
Cabe recordar que esta empresa está participada nun 51% pola Xunta de Galicia e entendendo que é unha empresa pública debe de buscarse o funcionamento da mesma como un servizo público, e nunca como un beneficio económico que é o que se pretende con esta suba para repartir os beneficios entre os socios capitalistas desta sociedade.
– Solicitar que en próximas convocatorias para a concesión de subvencións a asociacións municipais se apliquen as bases existentes xa no Concello e se garanta o réxime de concorrencia competitiva en igualdade de condicións para todas as asociacións
Despois de presenciar o esperpéntico espectáculo do equipo de “desgoberno” de Burela no reparto das subvencións municipais a asociacións que vimos de presenciar, que incluso ofrecen axudas con cartos públicos a colectivos que non están constituídos legalmente como asociación. Dende o PSdeG-PSOE de Burela pediremos que o reparto de subvencións teñen que ter uns criterios obxectivos, transparentes e claros. E por isto que imos a propoñer que se usen as bases que existían no Concello durante a etapa na alcaldía do PSdeG-PSOE, bases que mantiñan uns criterios de igualdade de oportunidades para que todas as asociacións optarán a estas axudas en base a uns criterios claros e transparentes e que premiaban as actividades das asociacións dunha maneira xusta.
Ó noso parecer é vergoñento que asociacións que demostran unha actividade máis que importante durante todo o ano para os veciños e veciñas de Burela, que están a suplir a ausencia da Concellería de Cultura que é a que ten a responsabilidade de ofrecer unha programación cultural, queden sen subvención ou esta sexa mínima.
Queremos reiterar que esta solicitude de Pleno Extraordinario se fai porque o Sr Barcia, unilateralmente, decidiu que non se celebraba o Pleno Ordinario que correspondía non mes de novembro e que a pesares de que se celebraron dous Plenos Extraordinarios, nestes a orde do día vai pechada e non dan a posibilidade á oposición a plantexar ningún tema fora de ese orde do día ó non poder presentarse ningún tipo de moción, nin ter estes Plenos o punto de Rogos e Preguntas que si teñen os Plenos Ordinarios.