CCOO e CIG valoran o seguimento do primeiro día de folga como un éxito rotundo, cun seguimento e participación no Hospital da Costa do 86 por cento e dun 91 por cento nos Centros de Saúde de Atención Primaria.
No Hospital da Costa paralizouse a actividade cirúrxica programada realizándose tan so actividade urxente, mentres que nas Consultas Externas o paro foi practicamente total cuns mínimos que só atenderon voantes urxentes.
Nos Centros de Atención Primaria a parálise foi total mantendo, como non pode ser doutro xeito, a demanda urxente de atención sanitaria.
Destacamos a complicidade das persoas usuarias, que manifestan a súa solidaridade co persoal na súa mobilización en defensa da sanidade pública.
CONCENTRACIÓN ÁS 12,00 HORAS DIANTE DO HOSPITAL DA COSTA.
Profesionais da sanidade concentráronse ás doce da mañá diante do Hospital da Costa mostrando un total rexeitamento ao proceso de privatización da Sanidade Pública, aos recortes sanitarios, a lei de garantías sanitarias, ás Areas de Xestión Clínica ou os repagamentos farmacéuticos.
O persoal do SERGAS denuncia as deficiencias na atención aos pacientes que se están a producir pola non reposición das xubilacións, os recortes laborais e salariais e, de maneira especial, a utilización de traballadores e traballadoras para aplicar recortes a través dun perverso Decreto de Xestión Clínica así como unha Lei de Garantías Sanitarias que fomenta o traspase de usuarios da sanidade pública cara a sanidade privada a cal denominamos(Lei de Garantías da Sanidade Privada). Todos estes esforzos do goberno perseguen un fin común, degradar a nosa Sanidade e dar paso a privatización da sanidade pública tal e como xa fixeron en Madrid.
O XERENTE PROVINCIAL DE LUGO, GARCÍA QUINTÁNS, SECUESTRA OS DATOS DE PARTICIPACIÓN NA PRIMEIRA XORNADA DE FOLGA NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA.
CCOO e CIG denuncian a opacidade das Xerencias de Lugo que se negan a facilitar datos oficiais sobre a participación na folga. O xerente executivo de Burela alega que non ten permiso do Xerente de Lugo para poder facilitalos, mentres que o Xerente que manda no Hospital da Costa, o de Lugo, Garcia Quintans as 14 horas do día 09 non nos facilitou ningún dato, pero si deixa moi claro que é el quen dirixe a sanidade da Mariña.
O xerente provincial de Lugo, García Quintans, nunha actitude totalitaria e antidemocrática, négase a facilitar os datos de participación na primeira xornada de folga, único caso en toda Galiza.
Por unha sanidade pública de calidade, polo acceso universal á sanidade, pola gratuidade da prestación sanitaria, facemos un chamamento á cidadanía da Mariña a participar na Manifestación convocada para mañá martes as 20.30 con saída dende o Hospital da Costa.