A Mariña, 23 de xaneiro de 2014. O BNG da Mariña demanda da Consellaría de Infraestruturas a inmediata licitación e execución das obras proxectadas para a estrada LU-124 de titularidade autonómica, tal como tiña comprometido o conselleiro, Agustín Hernández, cos alcaldes de Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza no ano 2009. Para a fronte nacionalista non é de recibo que despois destes anos agardando e coñecendo a programación da execución dos tramos da A-8, siga sen licitación e sen execución ningún tramo da programación acordada cos alcaldes destes catro concellos. O BNG mariñao acusa aos deputados populares, José Manuel Balseiro e Vidal Martínez Sierra coa complicidade da portavoz popular en Mondoñedo Elena Candia, de tentar tapar con esmolas e parches de última hora os incumprimentos da Xunta, actuando unha vez mais, como simples escudos protectores ao servizo dun conselleiro absolutamente desinteresado na execución desta obra.
O BNG DEMANDA A INMEDIATA EXECUCIÓN DOS COMPROMISOS ADQUIRIDOS POLO CONSELLEIRO DE INFRAESTRURAS COS CONCELLOS DE MONDOÑEDO, RIOTORTO, A PASTORIZA E A PONTENOVA.
O BNG demanda a través dos Parlamentarios nacionalistas, Cosme Pombo e Ana Pontón, a inmediata licitación e execución das obras comprometidas pola Xunta incluídas nun proxecto xa redactado fai anos e que o goberno galego, salvo algunhas modificacións do proxecto – a última de 2011-, mantén paralizado esquecendo os compromisos adquiridos cos alcaldes destes catro concellos. O BNG reactiva unha iniciativa presentada en 2013 que se complementa agora cunha batería de preguntas sobre os prazos de execución das obras.
Os alcaldes da Pontenova, A Pastoriza, Mondoñedo e Riotorto conseguiron en 2009 o compromiso do Conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, para executar en diferentes fases as obras de mellora da LU-124, unha estrada de competencia autonómica vital para a vertebración destes concellos e a súa conexión coa A-8, a piques de ser rematada nos seus tramos galegos coa inauguración do último tramo nas próximas semanas ao seu paso por Mondoñedo.
O desinterese demostrado pola Consellería deixará a estes concellos cunha autovía do século XXI a poucos quilómetros, pero cuns accesos mais propios do terceiro mundo nun estado lamentábel que seguirá mantendo aos habitantes deste territorio illados, aínda tendo a nova infraestrutura aberta e moi preto das súas casas.
EMENDAS AOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA EXECUCIÓN DAS OBRAS NA LU-124 QUE NON FORON ATENDIDAS EN 2010, 2011, 2012, 2013 E TAMPOUCO EN 2014
A pesar dos sucesivos retrasos dos gobernos estatais do PSOE e PP nas previsións de execución das obras da autovía A-8, a programación para o remate das obras era perfectamente coñecida pero non foi acompañada coas actuacións comprometidas para mellorar a LU-124 pola Xunta que a día de hoxe mantén o castigo á cidadanía residente nos concellos da Pontenova, Riotorto, Mondoñedo e A Pastoriza. O BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta para a execución dos proxectos previstos para a LU-124 no ano 2010(1.500.000€), 2011(1.000.000€), 2012(1.500.000€), 2013(500.000€) e 2014(1.000.000€), ningunha destas emendas foi aceptada polo Partido Popular e unicamente no orzamento 2010 foron consignados 800.000 e para melloras nesta estrada.
OS REPRESENTANTES POLÍTICOS DO PP NA COMARCA UNHA VEZ MAIS AO SERVIZO DO PARTIDO E NON DA CIDADANÍA
Para o BNG a Xunta e o Partido Popular castigan conscientemente aos habitantes destes concellos xa que tiveron catro anos para executar as obras previstas nun proxecto no que non se investiu un só euro. Hai un conselleiro que faltou aos compromisos e agora escóndese detrás duns parlamentarios, José Manuel Balseiro e Vidal Martínez Sierra e da portavoz popular en Mondoñedo Elena Candia, veciños da comarca, que lonxe de defender os intereses dos seus veciños coidan das súas cadeiras no parlamento e na Deputación anunciando iniciativas extemporáneas que non solucionan o problema.