A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, deu a benvida aos 24 participantes no plan de especialización posto en marcha pola Xunta de Galicia a través do Igape polo que durante os próximos 12 meses traballarán en Pemes lucenses, colaborando na implantación dos servizos avanzados de mellora da competitividade facilitados ao tecido empresarial mediante o programa Reacciona.
Arias explicou que as bolsas formativas están dirixidas a titulados universitarios, que traballarán en clústers galegos ou empresas que acreditan solvencia técnica, financeira e un mínimo de facturación en proxectos de consultoría empresarial. O fin, apuntou, é “aplicar os coñecementos destes novos traballadores aos retos de desenvolvemento que se propoñen as empresas participantes, e xerar deste modo unha vantaxe competitiva para todos”.
A Xunta destina un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros a este programa, no que participan 135 mozos e mozas que remataron a formación universitaria con posterioridade ao ano 2007 “aos que se pretende ofrecer una formación práctica, especializada e relacionada co desenvolvemento estratéxico das empresas, que aumente as súas posibilidades de empregabilidade no futuro”, afirmou a delegada.
Mediante o programa Reacciona, o Igape realizará máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade e impulsará a implantación de servizos avanzados de alto valor engadido, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das empresas beneficiarias”.
Arias lembrou que neste momento “están activas 12 liñas de impulso empresarial a través da consellería de Economía e Industria, liñas que, no exercicio pasado, incentivaron investimentos na nosa provincia por máis de 13 millóns de euros, máis dunha quinta parte só na capital”.
A delegada incidiu en que “o obxectivo da Xunta de Galicia é que ningún proxecto que sexa viable quede sen executar por falta de apoio” e que, “no trasfondo de todos os esforzos que realiza o Goberno autonómico en materia económica está a preocupación por crear emprego, estable e de calidade, para todos os galegos e as galegas”.