Lugo, 24 de xaneiro de 2014.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro explicou que todos os concellos lucenses poderán beneficiarse das axudas da Xunta para a mellora dos parques empresariais instalados nos seus termos municipais.
O Goberno galego destina con este obxecto unha partida de 4,4 millóns de euros, na presente anualidade (2014), “o que supón duplicar o orzamento do exercicio anterior para este mesmo fin”.
MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS INDUSTRIAIS
Balseiro apunta que os obxectivos perseguidos por estas axudas son os de incrementar a calidade das infraestruturas dos parques empresariais, corrixir determinadas carencias que poidan presentar, e dar os apoios económicos precisos para atender novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de servizos comúns, que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.
A modo de exemplo Balseiro indica que estas axudas centraranse na colaboración cos concellos para a posta en marcha de infraestruturas tales como, servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía; novas plantas de depuración de augas nos parques empresariais; mellorar os seus accesos e contornos viarios ou, incluso, instalar neles sistemas de seguridade e vixilancia.
“Ademais, cómpre sinalar que son axudas máis accesibles, máis cuantiosas e que se anticipan, xa que o 25% delas poden percibirse antes de executar as obras” –salientou Balseiro
DINAMIZAR A ECONOMÍA E O EMPREGO LOCAL
“O Goberno galego esta a ser un apoio decisivo para motivar o esforzo común de constante mellora da oferta de solo empresarial” -dixo Balseiro, tras indicar que a Xunta “actúa así porque é consciente de que os parques empresariais son un axente dinamizador da economía e do emprego local”
Balseiro resumiu a filosofía destas axudas na aposta do Goberno galego por subvencionar aqueles servizos que permitirán gañar competitividade e reducir custes ás empresas que decidan instalarse o que xa estean instaladas nestes parques industriais
INCREMENTO DO NÚMERO DE EMPRESAS
Balseiro salientou a importancia destes apoios sobre todo tendo en conta os últimos datos, e nesa liña lembrou que, segundo o reflicten os estudos do Instituto Galego de Estatística en 2013 na provincia de Lugo, creáronse en total 429 empresas, 23 sociedades máis que en 2012.
“Estamos no camiño da recuperación, e para facela posible e superar a crise e as dificultades actuais teñen máis razón que nunca estes apoios da Xunta para mellorar e abaratar o solo empresarial dispoñible”- concluíu Balseiro.