O colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña fixo, durante a asemblea xeral celebrada este xoves en Foz, unha avaliación das actividades e campañas desenvolvidas dende a fundación do Colectivo (setembro do 2013) até agora: Mobilizacións na Mariña e Compostela, marchas de apoio aos sancionados, documentos rexistrados na Axencia Tributaria coas reivindicacións do Colectivo, mocións nos concellos, etc.
Tracexouse un calendario de actividades inmediatas, entre as cales está a mobilización diante das oficinas de Facenda o vindeiro 14 de febreiro ás 11 da mañá. Trátase dunha campaña artellada dende a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, que consiste en que todos os colectivos locais se manifesten o mesmo día e á mesma hora diante de Facenda na súa comarca, o noso Colectivo faráo en Foz, diante da oficina da Axencia Tributaria.
Por parte dos asociados ao Colectivo amosouse a indignación pola falta de apoio do Partido Popular no Parlamento Galego na sesión celebrada o 17 de decembro, cando a iniciativa do BNG (modificar a lexislación que establece diferentes baremos económicos para os administrados con un ou varios pagadores) non prosperou polos votos en contra do grupo maioritario.
A xunta xestora segue formada polas mesmas persoas que até agora, só se introduce un cambio, o portavoz primeiro é dende hoxe Gonzalo Villarmea.