Burela, 23 de xaneiro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, fai unha valoración moi positiva da promoción que se está a realizar de Burela e da Mariña en Fitur, “xa que tivemos a oportunidade de divulgar todo o que representa o mar para esta comarca desde os puntos de vista pesqueiro e gastronómico”.
O rexedor fixo esta tarde unha valoración da presenza da Mariña en xeral e de Burela en particular en Fitur: “é positiva porque foron moitos os profesionais que se achegaron polo stand de Turgalicia para ter máis información sobre A Mariña. E na presentación que fixemos esta tarde da promoción conxunta da comarca Burela tivo a oportunidade de explicar e divulgar todo o que representa o mar para a comarca dende o punto de vista da pesca e consecuentemente dende o punto de vista gastronómico. Nese sentido incidimos na enorme calidade dos nosos produtos pesqueiros, tanto do marisco como fundamentalmente da pescada do pincho e do bonito de Burela. A receptividade dos profesionais que estaban asistindo ao acto foi importante e nosoutros estamos moi satisfeitos de cómo está transcorrendo Fitur”.
González Barcia explicou que “tivemos tamén a oportunidade de conversar coa ministra de Fomento, quen nos anunciou que proximamente vaise abrir a A-8, co que representa para achegar A Mariña e Burela a aqueles puntos de orixe dos potenciais turistas. Puntos como por exemplo o País Vasco ou a Meseta, que antes estaban a seis, sete e incluso oito horas de viaxe coa A-8 vanse reducir considerablemente os tempos e iso vainos permitir poder acceder a eses puntos de orixe dos potenciais turistas”.
O alcalde de Burela subliñou que “un aspecto fundamental para A Mariña e para Burela e ese referente gastronómico que ten o mar, que non soamente é un recurso a nivel lúdico, para estar nunha praia ou para poder gozar del doutras maneiras, senón que todos os recursos pesqueiros que hai na comarca son importantes. E o que intentamos é que as persoas non se queden coa imaxe da pescada do pincho ou do bonito de Burela que ven en facebook ou en twitter, senón que se acheguen á Mariña coa finalidade de estar e permanecer uns cantos días entre nós, coñecer a fondo a comarca e degustar fundamentalmente os produtos do mar, mariscos e pescados, que son de primeira calidade como xa está comprobado e demostrado”.
José Mª González Barcia asistirá mañá aos actos que se desenvolverán no stand de Turgalicia a partires das 10:30 horas para celebrar o Día de Galicia e que estarán presididos polo titular do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.