Cervo, 23 de xaneiro de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou os resultados da reunión mantida este mércores en Madrid co director xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, Pablo Saavedra, e o voceiro do Grupo Parlamentario Popular no Senado, José Manuel Barreiro para axilizar a cesión da Casa do Mar. Unha xuntanza que o rexedor cualificou de “moi positiva” e asegurou que “en Madrid existe vontade e implicación neste asunto e sensibilidade ante a nosa petición, e iso é fundamental”. Tamén destacou o compromiso de Barreiro, “que estivo facendo un seguimento deste caso e preocupándose en todo momento por axudar”.
O mandatario cervense explica que na xuntanza de onte “demos dous grandes pasos”. O primeiro paso é que o responsable de Costas anunciou que o Instituto Social da Marina e a Tesourería Xeral da Seguridade Social renuncian á concesión da Casa do Mar e, polo tanto, permiten a desafectación por parte de Costas. De feito, esta mesma mañá chegou un escrito ao Concello no que o ISM informa de que “non existe ningún motivo de oposición á solicitude formulada polo Concello”, un documento que foi enviado polo ISM á TXSS. “Esta é unha moi boa noticia” engade o rexedor.
Villares lembra que o Concello solicitou hai uns meses a Costas a desafectación da Casa do Mar do dominio público marítimo terrestre. Pero para iso era imprescindible que antes o ISN e a TXSS renunciasen á concesión. Así, ambas administracións desbloquearon o primeiro trámite. Na reunión tamén se avanzou no segundo paso, a desafectación en si. O director xeral manifestou o seu compromiso de levar a cabo a desafectación e de facelo no menor tempo posible. Tamén Barreiro asegurou que estará pendente do asunto e velará porque se axilice.
Unha vez superada esta xestión, só queda o terceiro e último paso, que consiste en que Patrimonio do Estado lle ceda a Casa do Mar ao Concello. A partir dese momento, a administración local disporá do inmoble ao completo e sen restricións para poñela ao dispor da cidadanía. A prioridade é que o inmoble albergue o Punto de Atención á Infancia, “porque así nolo piden os pais e nais e así o consideramos nós”.
Villares defende a necesidade de contar coa Casa do Mar, “un edificio público, pero que ten que selo de verdade, e para iso ten que estar ao servizo dos veciños, ser de utilidade, e acoller actividades e iniciativas”. O rexedor lamentou tamén que o Concello de Cervo leva cinco anos traballando pola cesión: “Dende o 2008 estamos loitando, pero os resultados positivos chegaron no 2012, coa cambio de goberno e a entrada do PP no Estado”.
Neste sentido cabe explicar que a Casa do Mar era utilizada polo Instituto Social da Marina ata o 2008, pero a partir de entón quedou baleira e sen uso. Nese momento o Concello iniciou os trámites para facerse coa propiedade do inmoble. “Durante os anos de goberno do PSOE o problema estivo caendo en saco roto”. O executivo local enviou numerosos escritos ás delegacións provinciais das diferentes administracións en Lugo, “pero tempo despois descubrimos que eses papeis nunca foran estudados e moito menos trasladados a Madrid, que é onde tiñan que resolver o problema”.
“Co cambio de goberno todo comezou a andar”, engade Villares. O Concello mantivo entón reunións co subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e con responsables provinciais das outras administracións. “Todos amosaron a súa boa disposición e entre todos traballamos para solucionalo” asegura. “Dende entón só fixemos que dar pasos e avanzar” remata o rexedor.