Barreiros, 11 de xaneiro de 2014. O BNG de Barreiros segue a desenvolver unha serie de actos polas parroquias do concello co fin de facilitar información a todos os veciños sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal amosando os planos da documentación inicial do mesmo e que veñen de ser feitos públicos, e ao mesmo tempo recollendo demandas de veciños e colectivos ao respecto. Para o BNG é primordial que tod@s @s barreirenses coñezan a proposta inicial que ten o goberno local do Partido Popular para ordenar urbanísticamente o concello.
Aínda que esta proposta de ordenación chega tarde, despois da desfeita urbanística executada polo PP e co alcalde Alfonso Fuente á fronte, os nacionalistas consideran que son os cidadáns, colectivos e asociacións os que deben xogar un papel importante e determinante na elaboración do documento. Así, os nacionalistas concordan coas demandas amosadas xa polos veciños nos actos celebrados no pasado mes de novembro nas parroquias de Cabarcos, Vilamar e Celeiro de Mariñaos, onde quedou patente o rexeitamento á reducción de solo de núcleo rural para a zona interior do concello en beneficio das zonas ocupadas polas grandes urbanizacións da zona costeira.
Para o BNG non é de recibo que cando se superou a edificabilidade permitida no concello ao construir edificios sen ter garantidos os servizos, agora se pretenda legalizar os mesmos reducíndolles ás parroquias do interior o solo de núcleo rural que se contemplaba nas antigas normas subsidiarias, impedindo así que veciños da zona interior poidan construír unha vivenda unifamiliar.
Con esta proposta urbanística recollida na documentación inicial do PXOM, “o Partido Popular marxina unha vez máis á zona interior do concello, unha zona totalmente abandonada e á que non se dotou de ningún servizo básico na última década”, afirman os nacionalistas. “Para o BNG está clara cal é a aposta do PP e do seu alcalde: beneficiar aos que co seu consentimento e a pesar dos informes xurídicos en contra, consumaron unha das desfeitas urbanísticas máis grandes que se recordan, e cuxas consecuencias agora temos que pagar todos, con diñeiro do erario público, con diñeiro de todos; pois o convenio elaborado pola Xunta de 14 millóns de euros para dotar de servizos a Barreiros non contempla nin un só euro para dotar de servizos mínimos á zona sur do concello”.
Charlas da vindeira semana
Os actos previstos para a vindeira semana terán lugar no Teleclub de Vilamartín o luns 13 de xaneiro ás 20:30h, o martes 14 no Teleclub de A Rilleira, ás 20:30h e o xoves día 16 no Teleclub de San Xusto tamén ás 20:30h.
Os actos informativos continuarán tamén nas parroquias da zona costeira nas vindeiras semanas.