José María Rodríguez.- Ás boas xoias pásalles como ás perlas. Permanecen agochadas dentro da cuncha, escondidas ás miradas dá xente. O mesmo acontece co recente achado do conxunto histórico de Santo Estebo do Ermo, que acaba de ser declarado Xacemento Arqueolóxico polos técnicos de Patrimonio. Non, non é que ninguén soubese da súa existencia. Dende a alta Idade Media, (século IX, aproximadamente) foron e son innumerables os fieis e visitantes que, por unhas ou outras razóns, acudiron e acoden a visitar esta singular e histórica paraxe.
A novidade é que non foi ata hai uns poucos anos que deron comezo algunhas investigacións sobre a orixe e historia deste antigo centro relixioso. Con elas empezaron a descubrirse as verdadeiras orixes históricas deste espazo que albergou o berce da relixiosidade dunha ampla zona da mariña oriental lucense. Un traballo que actualmente retomou a recén creada asociación barreirense Irmandade Santo Estevo do Ermo. As súas investigacións, continuadoras das publicadas por quen isto subscribe no número 7 da publicación Rudesindus, no ano 2011, están a completar con éxito a historia e valor cultural deste santuario e do seu ámbito. E, como froito do seu traballo e da colaboración con Mariña Patrimonio, acaban de conseguir que este marabilloso espazo, descoñecido para moitos, sexa incluído finalmente no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia. Un recoñecemento fundamental para a recuperación e potenciación deste espazo, do valor histórico e cultural que se encerra agochado nas ruínas que se manteñen ocultas entre as malezas que o cobren.
É imprescindible coñecer a nosa historia pasada para coñecer a nosa vida actual e o camiño cara ao futuro. A colaboración dos organismos interesados con esta Irmandade do Santo Estevo do Ermo é fundamental para este logro. É aínda moito o que queda por investigar e descubrir: arquivos que consultar, espazos que recuperar e ruínas que descubrir, tales como o antigo cemiterio desa bisbarra, a primitiva ermida de Santo Estevo, a casa do ermitán e demais anacoretas, etc. etc. Para todo iso e para sacar adiante os proxectos de recuperación que constitúen o obxectivo desta Irmandade de Santo Estevo do Ermo fai falta colaboración técnica e económica. Unha chamada ás Administracións para que esperten do seu sono.
José María Rodríguez.