Viveiro, 18 de febreiro de 2014.- A delegada territorial, Raquel Arias, visitou este martes o Centro de día de alzheimer de Celeiro, onde subliñou o esforzo da Xunta de Galicia por promover estes servizos de proximidade que garanten que as persoas maiores reciben no seu propio entorno a asistencia que necesitan.
A delegada destacou que os centros de día son “o mellor marco para a práctica terapéutica coas persoas usuarias e para o apoio ás familias coidadoras” e explicou que a Consellería de Traballo e Benestar destina 224.490 euros anuais ao mantemento das 30 prazas de que dispón o centro viveirense.
Arias visitou o centro acompañada polo xefe territorial de Traballo e Benestar en Lugo, Alberto Linares, e pola xerente, Esther Engroba, e tivo ocasión de coñecer o perfil dos usuarios, persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, e a atención integral que se lles presta para promover a súa autonomía persoal.
Do conxunto de prazas que oferta o centro, 20 son de atención diúrna; neste caso, o tempo máximo de permanencia no centro das persoas usuarias é de 8 horas, dentro dun horario de referencia que abarca dende as 8 da mañá ás 8 da tarde. Outras 10 prazas son para o programa comunitario de alzheimer, no que os usuarios pasan media xornada –catro horas-.
O servizo de atención diúrna proporciona unha atención multidisciplinar e de carácter especializado ás persoas que teñen diagnosticado alzheimer e outras demencias neurodexenerativas.
Pola súa banda, o programa comunitario de alzheimer ten como obxectivo manter as habilidades, os coñecementos e as condutas que aínda posúen as persoas afectadas, utilizando as técnicas dirixidas ó adestramento nas actividades da vida diaria e terapias de estimulación cognitiva, terapia ocupacional, logopedia e actividades de ocio e tempo libre. Todos os usuarios do centro acceden a estas terapias e a servizos como fisioterapia e atención psicolóxica, dirixida tanto ás persoas usuarias como aos seus familiares.
O centro de día de Viveiro está xestionado en réxime de concesión pola Cruz Vermella, que ven de renovar o contrato despois do recente procedemento de adxudicación tramitado nos últimos meses.