O sábado 8 de Febreiro, ás 17:00h, a Praza do Souto de San Miguel de Reinante vai acoller un acto de lembranza sobre o Consello da Mocidade, coincidindo co cuarto cabodano da morte de Antón Moreda, que fora Secretario Xeral do mesmo. Con este acto, preténdese rescatar o legado e a memoria dunha organización que na clandestinidade da loita contra o franquismo deixou sentadas as bases do nacionalismo tal é como se entende hoxe.
O Consello da Mocidade, do que Antón Moreda foi o seu máximo dirixente, aglutinou persoas de tanta trascendencia para a historia de Galiza coma Bautista Álvarez, María Xosé Queizán, Méndez Ferrín, Manuel María, Saleta Goi, Xosé Antonio Arxona, Raimundo Patiño, Luis González “Foz”, López Casanova ou García Bodaño. Pero sobre todo a análise dos debates e contradicións que se viviron no seu interior van permitir construír, xa desde orientacións partidarias, o nacionalismo contemporáneo atendendo ao pensamento de Castelao, secuestrado polo grupo nucleado arredor da Editorial Galaxia. Nesta cuestión, Antón Moreda, formado no nacionalismo en Bos Aires onde chegara a ser Secretario Xeral das Mocidades Galeguistas, xoga un papel determinante até pasar a converterse no trasunto do protagonista principal da novela de ficción de Méndez Ferrín “Retorno a Tagen Ata”.
Segundo anunciou Ana Ermida, Responsábel Comarcal do BNG, “o acto, organizado conxuntamente entre o BNG e Galiza Nova ao que se sumarán colectivos sociais e sindicais de Galiza e da Mariña, constará de dúas partes. Unha primeira na Praza do Souto na que contaremos coa música de grupos de xente moza da Mariña; poesía, neste caso na voz dun dos máis grandes das nosas letras e tamén dos preferidos do propio Moreda a quen coñeceu a mediados dos 60 na casa de Raimundo Patiño en Madrid, o ribadense Xabier Baixeras e intervencións políticas de Galiza Nova e o BNG.”
Galiza Nova terá un papel protagonista no acto de recordo ao Consello da Mocidade e a Antón Moreda, posto que “son as novas xeracións, igual que aquela da que fixo parte Moreda, a quen lle toca situarse, máis unha vez, á vangarda da loita que nos é común. Isto é: unhas condicións de vida digna para o noso pobo, unha patria farturenta que sexa quen de manter aos seus fillos e non expulsalos a emigración como aconteceu con Moreda e que volve a acontecer hoxe e a seguir pola restauración do que nos define: unha cultura de nós en perigo de extinción”, explica Andrea Martíns, de Galiza Nova.
A continuación do acto na praza, terá lugar a presentación dun libro da autoría de Uxío Breogán Diéguez Cequiel e de Xoán Carlos Garrido sobre o Consello da Mocidade, así como a proxección dun documental sobre o mesmo, onde San Miguel de Reinante e o propio Moreda xogan un papel destacado.
Os nacionalistas manifestan que se senten “herdeiros do Consello da Mocidade porque a nosa é a herdanza de Castelao que asumimos co compromiso e responsabilidade de dotar de máis corpo a alternativa nacionalista en Galiza, para lograr unha Galiza con futuro dotada dunha patria soberana que precisa de organizacións políticas propias e non mera sucursais das que operan no ámbito do Estado como afirmaba o Daniel Castelao e como defenderon os mozos e mozas do Consello en loita contra Piñeiro”.