O Consello da Xunta aprobou, na súa reunión deste xoves, o acordo polo que se declara a prevalencia da utilidade pública do proxecto do gasoduto de transporte básico da Mariña Lucense (Ribadeo-Viveiro) sobre a que cualifica varios montes veciñais en man común da provincia de Lugo. Tamén aprobou a prevalencia da utilidade pública do proxecto liña de media tensión derivada Remesar II e a da modificación do proxecto de construción da plataforma da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, no tramo Miamán- Ponte Ambía.
O proxecto do gasoduto de transporte básico da Mariña Lucense -que conta cunha superficie total de afectación de 46.170,51 m2- permitirá unha mellora da subministración de gas natural na zona. En concreto, afecta os montes veciñais de Santa Cruz e Capela, pertencentes á Comunidade de Montes de Ove, en Ribadeo; Os Chaos, pertencente á Comunidade de Montes Piñeira, tamén en Ribadeo; Monte Real, Rañadoiro e Agudo, da comunidade de Montes de Cangas, en Foz; Monte O Castelo, Fontenlas, Lagares, Ribeira e Rozas Vellas, da Comunidade de Montes de Burela, en Burela; Monte Rañadoira, Pena Grande e Pico da Viola da comunidade de montes de Vilaestrofe, tamén en Burela, e Monte Costa e Pena do Castelo, da Comunidade de Montes de Lieiro, no concello de Cervo.
Por outra banda, o proxecto de liña de media tensión derivada Remesar II conta cunha superficie de afectación de 3.324 m2, correspondente ao monte veciñal en man común Agrolongo e Alto do Pico. Este monte pertence á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Teilán, no concello de Bóveda, Lugo. Este proxecto permitirá unha mellora da subministración eléctrica na zona.
O outro proxecto do cal se aproba a prevalencia de utilidade pública é a modificación do proxecto de construción da plataforma da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, no tramo Miamán-Ponte Ambía. Neste caso afecta unha superficie de 2.088 m2 do monte veciñal de Lampaza, Penagacha, Rosario, Ribeira Longa e Farria, pertencente á comunidade da parroquia de Ambía-Baños de Molgas, en Ourense. Este proxecto supón unha mellora nas comunicacións ferroviarias.
Á vista de toda a documentación dos expedientes, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar propuxo informar favorablemente destas prevalencias en virtude do artigo 6 do regulamento da Lei de montes veciñais en man común.