Cervo, 25 de febreiro de 2014-O Concello de Cervo amosou este martes un documento asinado pola empresa que colocou mal os postes do saneamento da Senra. Un escrito que demostra que a administración local non tivo ningunha responsabilidade neses erros, a pesar de que a Deputación multou ao Concello e aos veciños con 20.000 euros.
En concreto, o escrito asinado pola empresa di textualmente “A empresa fai constar a todos os efectos oportunos que non recibiu ordes do Sr. Alcalde, nin de persoal do Concello de Cervo, para o replanteo, ubicación e colocación dos postes para o subministro eléctrico á depuradora da obra de saneamento no núcleo da Senra, parroquia de Cervo”. Un documento asinado por un responsable da empresa e que ten data de 28 de setembro de 2011.
O Concello quixo facer público este documento para “poñer en evidencia todas as falsidades que están saíndo da Deputación”, asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e para transmitir as “sospeitas do Concello” cunha Deputación que “parece que mantén unha estreita relación coa empresa”.
Mentiras da Deputación
O rexedor lembra que o deputado provincial Manuel Martínez leva varios días enganando a todos os veciños.
20-02-2014. Manuel Martínez, hai cinco días, dixo: “O de hoxe foi o colmo dos cinismos, porque nin tan sequera foi o Concello quen pagou a multa. O alcalde obrigou á empresa a facelo, a pesares de ser el o responsable, xa que esta entidade fixo os traballos que Villares lle ordenou”. FALSO
1. A multa pagouna o Concello con fondos municipais. Polo tanto, A MULTA PAGÁRONA OS VECIÑOS. Nun primeiro momento, o goberno local tentou que a empresa asumise a sanción, xa que foi ela a que colocou os postes de forma errónea. A empresa entregou un cheque ao Concello por importe de 20.000 euros, que estaba sen fondos. Polo tanto, o Concello non puido cobrar o cheque. E, en consecuencia, a multa foi pagada polos veciños.
2. A EMPRESA ADMITIU QUE O CONCELLO NON TIVO NINGUNHA RESPONSABILIDADE NOS ERROS DA OBRA. “O Concello sempre dixo a verdade. Ninguén desta administración deu orde algunha sobre onde colocar os postes” asegura o mandatario cervense.
3. En consecuencia, o alcalde asegura que a Deputación “parece moi interesada” en poñerse do lado da empresa e en culpar ao Concello. Por iso, o rexedor pregúntalle ao Goberno Provincial: “POR QUE INSISTE EN DEFENDER Á EMPRESA?”. “Ten a Deputación algún vinculo ou relación sospeitosa coa empresa?”.
20-02-2014. Manuel Martínez: “Ademais, a empresa adxudicataria das obras de saneamento da Senra, tal e como nos comunicou, situou os postes onde o Alcalde lles dixo como máximo responsable destas actuacións”. FALSO.
Con estas declaracións, Martínez “tropeza” de novo na súa propia mentira: A empresa asegurou que ninguén do Concello lle indicou onde colocar os postes.
Pero o rexedor vai máis alá, deténdose na primeira parte das declaracións, cando Martínez di “ademais, a empresa adxudicataria das obras de saneamento da Senra, tal e como nos comunicou (…)”. Con estas palabras, o deputado desvela que mantivo contactos coa empresa. Por iso o alcalde pregunta: “Dende cando, como, e por que a Deputación se relaciona coa empresa, segundo recoñece o deputado?”. “Que sentido ten que o Goberno Provincial manteña, supostamente, unha boa relación cunha empresa desaparecida e que dá cheques sen fondos?”.
“Ten algo que ver esta suposta boa relación con que a Deputación nunca pedise responsabilidades á empresa?” pregunta tamén o primeiro edil. Alfonso Villares pídelle á Deputación que dea explicacións á cidadanía sobre estes feitos e lembra que “son moitas as preguntas que lles levamos plantexadas nestes días e aínda non responderon a ningunha”.