BURELA, 19 DE FEBREIRO.- O secretario de Medio Rural –Horacio Rouco-, o deputado autonómico e voceiro de Pesca no Parlamento de Galicia -José Ramón Val Alonso-, acompañados de voceiros do PSOE na Mariña, presentaron este mércores a xornada informativa, organizada polo Partido Socialista: “A reforma pesqueira na Unión Europea”, que se desenvolverá este venres, a partires das 20:30 horas, no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela.
Con esta iniciativa, que se enmarca dentro do programa de mesas sectoriais que a nova executiva provincial iniciou en xaneiro coa reforma da Política Agraria Común, os socialistas pretenden dar continuidade ó obxectivo de coñecer as fortalezas e debilidades dos principais sectores produtivos da provincia para deseñar un plan de traballo conxunto que permita impulsar a provincia social e economicamente. Neste caso concreto, achegarán posturas sobre a nova normativa pesqueira que entrou en vigor este mesmo ano, e substitúe á de 2002.
Deste xeito, o encontro, que estará moderado por González Santín e clausurado polo líder dos socialistas galegos –José Ramón Gómez Besteiro- contará coas intervencións dos deputados no Parlamentos europeos e galego, Antolín Sánchez Presedo e José Ramón Val. A presentación correrá a cargo do secretario de Medio Rural.
A xornada está aberta a todo o público en xeral, e inclúe unha visita dos poñentes á lonxa desta localidade, ás 18:00 horas, na que os socialistas comprobarán o funcionamento desta importante plataforma pesqueira, pois nela descargan a súa mercadoría o maior número de buques rexistrados na Mariña luguesa.
Aportacións decisivas do Partido Socialista
O Partido Socialista participou activamente no proceso negociador desta estratexia comunitaria. Concretamente, presentou un total de 172 emendas co fin de que esta reforma “non fose traumática para o sector e de que non tivese un impacto moi negativo dende o punto de vista socioeconómico para Galicia e para A Mariña”. E é que o sector pesqueiro xera 35.600 millóns de ingresos na UE e dá traballo a 310.00 persoas, das que 138.500 pertencen só ó grupo das capturas.
Así mesmo, Galicia é hoxe a primeira potencia pesqueira de España e de Europa. Na nosa Comunidade teñen porto base o 5,52% dos buques da Unión e o 42,9% dos españois. Son, preciasamente, as pezas fundamentais dun mecanismo que move a máis de 40.000 persoas que viven do sector marítimo-pesqueiro galego, indicou Rouco. Só na Mariña, hai unhas 2.000 persoas afiliadas a este reximen.
Segundo o Rexistro de 2013 de buques da Comunidade Autónoma (http://www.pescadegalicia.com/Publicaciones/CDRBG2013/) a Mariña conta con 186 floteis, dos que 77 están en Burela; 66 en Celeiro; 7 en Foz; 8 en O Vicedo; 8 en Ribadeo; 16 en San Cibrao; e 4 en Viveiro. Suman un arqueo de 27.306 GT (siglas en inglés que significan toneladas brutas) e unha potencia de máis de 56.700 cabalos a vapor. Isto supón que Lugo conta co 4,06% da frota galega. A Coruña posúe o 50,45% e, Pontevedra, o 45,49% (http://www.pescadegalicia.com/Publicaciones/CDRBG2013/Informes/1.2.1.html).
Os datos demostran, destacaron os socialistas, que “estamos a falar dun sector estratéxico para a nosa provincia”, pois segundo as mesmas fontes, as catro lonxas rexistraron a principios de ano unha venda de máis de 3 millóns de quilos; o que supuxo un volume de negocio que supera os 12 millóns de euros (http://www.pescadegalicia.com/)
Cuestións que se abordarán na xornadaPolítica da Xunta de Galicia
Asimesmo, tal e como explicou Val Alonso, no encontro tamén se exporá a política levada a cabo pola Xunta de Galicia neste eido, referida á fixación de cotas e descartes; á redución orzamentaria aplicada polo Partido Popular que, só na partida de investigación para reducir os custos empresariais das empresas pesqueiras, o recorte ascende ó 50%, pasando de 85 millóns de euros en 2013 a 45 millóns en 2014; e analizarase “o afán privatizador” do Executivo de Feijóo nas políticas de salvamento marítimo, manifestado na venda dos helicópteros de titularidade autonómica a unha entidade privada “a prezo de saldo”, e coa aprobación do decreto 130/12 de 31 de maio, a través do que se establecen os prezos polo servizo de salvamento, onde non se exime de pagar ós profesionais do mar en caso de teren que ser rescatados.