BURELA, 21 DE FEBREIRO.- O Partido Socialista asumiu este venres, co sector pesqueiro da Mariña, o compromiso de solicitar á Xunta de Galicia medidas económicas “excepcionais e urxentes” para paliar os danos materiais e económicos ocasionados polos distintos temporais que azoutaron a comarca. Deste xeito, o vindeiro mércores, no Parlamento galego, o PSOE será “a voz” deste sector, polo que as súas reclamacións pasan por conseguir a exención de cotas á Seguridade Social no primeiro cuatrimestre do ano, axudas para recuperar a capacidade produtiva e fondos para compensar o cese da actividade da frota. Este acordo produciuse no marco da xornada “A reforma pesqueira na Unión Europea”, e na que os deputados na Eurocámara e no Parlamento galego, Antolín Sánchez Presedo e José Ramón Val Alonso, respectivamente, expuxeron a participación do PSOE no proceso negociador da estratexia comunitaria
E é que, tal e como indicaron os socialistas, quenes tamén realizaron unha visita á lonxa de Burela, onde comprobaron o funcionamento desta importante plataforma pesqueira, pois nela descargan a súa mercadoría o maior número de buques rexistrados na Mariña, calcular as perdas económicas “é case misión imposible”. Por este motivo, o vindeiro mércores, na Cámara galega, solicitarán ó executivo autonómico estas medidas.
Asi mesmo, tal e como se puxo de relevo na xornada, que estivo moderada polo dirixente do PSOE lucense –Juan Carlos González Santín-, e clausurada polo líder dos socialistas galegos –José Ramón Gómez Besteiro- o que deixou de ingresar un barco de artes menores durante os últimos meses sitúase entre os 300 e os 500 euros diarios, mentras que nun arrastreiro este importe pode multiplicarse ata por 30, é dicir, entre os 9.000 e os 10.000 euros por cada xornada de traballo perdida.
A falta de ingresos provoca, ademais, que os mariñeiros non poidan facer fronte ós pagos da Seguridade Social, polo que o PSOE esixir á Consellería do Mar que medie ante o Instituto Social da Mariña para conseguir a exención total das cotas no primeiro trimestre do ano, así como o aprazamento e pago fraccionado das débedas existentes do último trimestre sen recargos para a frota de baixura e o mariqueo. Asi mesmo, demandarán medidas de exención e de pagos fraccionados nas taxas portuarias e outras aplicadas á actividade pesqueira e marisqueira.
Ademais, tamén instarán ó departamento autonómico a realizar xestións co IGAPE, o ICO e outras entidades financieira para abrir liñas de financiamento con intereses ó 0% destinadas a recuperar a capacidade produtiva (compra de aparellos, reparación de danos de embarcacións, artes de pesca, etc), así como fondos para rexenerar os bancos marisqueiros logo da gran mortandade de moluscos causada polo execeso de auga doce.
E é que “o potencial económico da pesca aparece opaco na administración galega e española. Os Gobernos da Xunta e do Estado parecen non ver ou non queren ver canto nos xogamos, canto emprego xera directamente a pesca artesanal e o mariqueos”. Proba delo, aseguran é “os proxectos para a acuicultura, que contaban con recursos da UE, dormen o sono dos xustos nos caixóns do Gobernos, por non poñer o 20% a Xunta. Para cadrar as contas, perdemos o 80% de recursos procedentes de Europa, e corremos o risco de que se rebaixen as partidas para o vindeiro perído”.
O PSOE participou activamente
O Partido Socialista participou activamente no proceso negociador desta estratexia comunitaria. Concretamente, tal e como especificou Sánchez Presedo, presentou un total de 172 emendas co fin de que esta reforma “non fose traumática para o sector e de que non tivese un impacto moi negativo dende o punto de vista socioeconómico para Galicia e para A Mariña”. A Comunidade é hoxe a primeira potencia pesqueira de España e de Europa. Nela, teñen porto base o 5,52% dos buques da Unión e o 42,9% dos españois. Son estes, precisamente, as pezas fundamentais dun mecanismo que move a máis de 40.000 persoas que viven do sector marítimo-pesqueiro galego. Só na Mariña, hai unhas 2.000 persoas afiliadas a este reximen.
Dada a importancia que supón a estratexia comunitaria para A Mariña, na xornada abordáronse as principais cuestións que foron incluídas na reforma, grazas á participación dos eurodeputados socialistas, e que son as seguintes: introdución na reforma das actividades da pesca costeira e de pequena escala, así como fa pesca artesanal; algo non aparecía contemplado no regulamento ata o de agora; establecemento de zonas de recuperación das poboación de peces co fin de garantir a conservación dos recursos acuáticos vivos e os ecosistemas mariños; proposición dun
calendario realista para conseguir a eliminación dos descartes, que se introducirá de maneira progresiva entre 2015 e 2020; a sobrepesca; a sostibilidade desta práctica, así como que se garanta un nivel digno de ingresos ós pescadores, mantendo o emprego existente e contribuíndo a reter a poboación nas zonas costeiras.
No encontro tamén se tratou a dimensión exterior da pesca, é dicir, os acordos de pesca cos terceiros países e a comercialización dos productos pesqueiros, xa que máis do 60% dos produtos que se consumen veñen de fóra da Unión; a proteción dos consumidores e a creación dun etiquetado europeo; e a pesca ilegal.
Política da Xunta de Galicia
Así mesmo, Val Alonso, como voceiro de Pesca no Parlamento galego, explicou a política levada a cabo pola Xunta de Galicia neste eido, e que está referida á fixación de cotas e descartes; á redución orzamentaria aplicada polo Partido Popular que, só na partida de investigación para reducir os custos empresariais das empresas pesqueiras, o recorte ascende ó 50%, pasando de 85 millóns de euros en 2013 a 45 millóns en 2014; e analizarase “o afán privatizador” do Executivo de Feijóo nas políticas de salvamento marítimo, manifestado na venda dos helicópteros de titularidade autonómica a unha entidade privada “a prezo de saldo”, e coa aprobación do decreto 130/12 de 31 de maio, a través do que se establecen os prezos polo servizo de salvamento, onde non se exime de pagar ós profesionais do mar en caso de teren que ser rescatados.