Burela, 18 de marzo de 2014. A Fundación Eu Son e a Obra Social de La Caixa asinaron este martes un convenio de colaboración para a posta en marcha de iniciativas dentro do centro de discapacitados da propia fundación. No acto participaron o alcalde e presidente do padroado da Fundación Eu Son, José Mª González Barcia, a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, e representantes de La Caixa.
O rexedor explicou que “hoxe acabamos de firmar entre a Fundación Eu Son e a Obra Social de La Caixa un convenio de colaboración para a posta en marcha de iniciativas dentro do centro de discapacitados da propia Fundación Eu Son que vai subvencionar a Obra Social de La Caixa con 5.800 euros”.
González Barcia engadiu que “deste xeito entendemos que se ve recoñecido por unha obra social o traballo que dende a Fundación Eu Son se vén desenvolvendo xa dende hai moitos anos con persoas discapacitadas. Evidentemente nosoutros vamos seguir potenciando dende o propio padroado a realización e a ampliación tanto de actividades como das propias instalacións da Fundación Eu Son. De feito como nos próximos días o Centro de Formación Ocupacional vaise trasladar dende as instalacións actuais, en Suafonte, ás futuras dependencias, no parque de Tíjola, xa estamos analizando a posibilidade de que o centro de discapacitados aumente o seu número de aulas e locais para poder atender como máis eficacia, aínda se cabe, ás persoas que están sendo atendidas no centro de discapacitados da Fundación Eu Son”.