Ribadeo, 17 de marzo de 2014. Máis de 100.000 euros se investirán na mellora de camiños en Ribadeo ao longo das vindeiras semanas. Será a través de sendos plans entre o Concello, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Anunciábao este luns o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que “agora, despois de que pasaran todas as treboadas e todas as tormentas deste inverno duro que tivemos, chega o momento de que, co bo tempo, teñamos que empezar a repoñer o estado de moitos dos camiños do concello de Ribadeo. De aí que nestes días esteamos empezando un programa entre a Deputación e o Concello, concretamente do plan de obras e servizos de 2013, onde se van investir cerca de 30.000 euros para actuar en varios camiños de diversos barrios das parroquias de Vilaselán, Piñeira e Vilaframil. Concretamente as obras vanse facer nos barrios de A Granxa, Os Garitos, O Circo, Dompiñor, O Valado e A Madanela”.
Suárez Barcia engadiu que “logo tamén estamos iniciando agora a contratación doutro novo programa, neste caso entre a Xunta e o Concello a través do que se chama Agader, para actuar en parroquias como A Devesa, Arante e incluso no núcleo de Remourelle, que aínda que pertence á parroquia de Arante ten unha singularidade propia. Nestas actuacións investiranse uns 75.000 euros”.
O alcalde ribadense subliñou que “en total máis de 100.000 euros vanse investir en mellorar camiños, sabendo que con isto non resolvemos todo o problema que temos en Ribadeo, como hai nos demais concellos, pero é un loita sistemática, anual, para que o estado do viario público sexa o mellor posible”.