O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro, realizou esta tarde unha rolda de prensa, logo de reunirse cos traballadores da empresa na tarde de onte. Na mesma participarón os concelleiros, Bernardo Fraga, Olaia Casas e Manuel Galdo e o representante dos nacionalistas no Consello de Administración da empresa Aparcamientos a Mariña, Ramón Vizoso.
Os nacionalistas de Viveiro, denunciaron a nula xestión da concelleira socialista á fronte da empresa “Aparcamientos a Mariña”, que provocou que os traballadores leven tres meses sen cobrar as súas nóminas, polo que piden a súa dimisión inmediata como responsábel da empresa. Así mesmo, denunciaron, que en ningún momento se informou aos traballadores da situación da empresa, se incumpriron as promesas que se lles realizaron.
Ademais, non se informou a ningún dos grupos municipais, e non se convocou ningún Consello de Administración para tratar a delicada situación da empresa dende mediados do 2013 ata o pasado xoves, e este último foi convocado a petición do BNG.
O BNG de Viveiro puxo enriba da mesa solucións para buscar a viabilidade da empresa. Entre as propostas, figuran o nomeamento dun traballador municipal capacitado para asumir a xerencia da empresa de forma inmediata. Ademais piden a elaboración dun plan de viabilidade económica que inclúa un estudio de mercado, e asuma as propostas presentadas polos traballadores.
Por último, o BNG, agarda que a Alcaldesa de Viveiro, cumpra co compromiso de convocar un Pleno Extraordinario para tratar a situación de Aparcamentos A Mariña, a vindeira semana, pleno solicitado polo BNG a pasada semana.