Burela, 21 de marzo de 2014. O pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro luns, 24 de marzo, ás 10 da mañá no Concello de Burela servirá para adaptar o documento do PXOM, aprobado provisionalmente en setembro, ao Plano de Ordenación do Litoral. O alcalde, José Mª González Barcia, considera que deste xeito gañará en seguridade xurídica e protexerá aínda máis o litoral.
O rexedor dixo que “para este vindeiro luns está prevista a celebración dun pleno extraordinario que ten coma finalidade a aprobación provisional de novo do PXOM de Burela, atendendo a unha orde ditada pola Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta, sobre as modificacións que hai que introducir neste documento”.
Ditas modificacións baséanse, segundo González Barcia, “case en exclusiva no cumprimento da normativa xerada a través da aprobación do Plano de Ordenación do Litoral. Hai que adoptar algunhas medidas nos aparcadoiros vinculados coas praias, algunhas medidas no que se refire ás grutas soterradas que hai na zona do Cantiño e incluso hai que adoptar algunha medida coa fachada marítima que se pretende crear na zona da Limosa, solo no que ata a aprobación do PXOM non se podía facer nada”.
O alcalde de Burela subliña que “son modificacións que non afectan ás ordenanzas de urbanización e construción incluídas no documento aprobado provisionalmente en setembro do ano pasado. Non afectan nin aos volumes nin ás superficies nin ás edificabilidades de ningunha das mazás de ordenación que aparecen no PXOM. E non afectan tampouco ás vivendas que no seu día se retiraron do catálogo de patrimonio”.
González Barcia dixo que “se trata de adaptar máis, aínda si cabe, o documento aprobado en setembro ao Plano de Ordenación do Litoral, pero ningún dos dereitos acadados polos veciños na aprobación provisional do PXOM se verá afectado. Nós entendemos que deste xeito o PXOM do noso Concello, a raíz da orde ditada pola Secretaría Xeral de Urbanismo o pasado 12 de marzo, gañará en seguridade xurídica e na protección do litoral e non se verá afectado ningún dos dereitos relativos a edificabilidade, volumes, ordenación urbanística das distintas zonas…”.
O rexedor burelés engadiu que “estamos xa na recta final da aprobación do PXOM de Burela, que eu agardo e confío que sexa en breve”.