Cervo, 14 de marzo de 2014- O monte Escarabelada, situado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, e o monte comunal As Bidueiras, en Cervo, ampliaron este venres a superficie reforestada con árbores autóctonas. En total, entre ambas zonas, plantáronse 2.000 exemplares de bidueiro, castiñeiro, carballo, acivro, piñeiro, avelaira e freixo, entre outras especies.
Unha iniciativa promovida pola Fundación Alcoa e na que colaborou persoal do obradoiro de emprego, máis de 70 alumnos e profesores do Grao de Enxeñería Forestal e do Medio Natural da Escola Politécnica Superior de Lugo e persoal de Ardilla Connecting Life, que xestiona a actuación. Esta acción inclúese no proxecto impulsado pola Fundación Alcoa no que se pretende plantar 17.000 árbores nos montes do municipio.
No mes de decembro xa tivera lugar unha plantación que se realizara no monte Escarabelada e no que se botaron preto de 500 exemplares. Ao longo do ano desenvolveranse máis accións deste tipo para completar o proxecto e conseguir plantar as 17.000 árbores previstas inicialmente.
A edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, participou nesta actividade, e aproveitou para resaltar a importancia de “recuperar el bosque atlántico típico de la Mariña utilizando especies autóctonas”. Alonso explica que este proxecto “tendrá sus efectos a medio-largo plazo, pero valdrá la pena para que las siguientes generaciones puedan disfrutar de una masa vegetal frondosa libre de plantas foráneas”.
Esta iniciativa patrocinada por Alcoa entronca directamente co proxecto de reforestación que dende hai anos mantén activo o Concello de Cervo e a través do cal se teñen realizado xa diversas campañas de plantación en montes de titularidade municipal como A Escarabelada e tamén en montes comunais.