Cervo, 17 de marzo de 2014- O pleno da corporación sacou adiante os trámites que permitirán poñer en marcha un sistema de videovixilancia no interior dos edificios públicos para mellorar a seguridade cando sexa necesario como medida preventiva a posibles roubos. En concreto, os grupos da corporación aprobaron a creación dun ficheiro de videovixilancia así como a modificación da ordenanza reguladora da creación de ficheiros con datos persoais.
Ademais, debatéronse todas as mocións presentadas polos grupos da oposición. Unha delas estivo centrada na reforma da lei do aborto, sobre a que o grupo de goberno presentou e aprobou unha emenda na que se instou ao Goberno central a, literalmente, “mellorar o anteproxecto da lei, procurando chegar ao máximo consenso posible coas distintas forzas políticas, tomando como referencia a Lei de 1985 e dentro dos límites establecidos polo Tribunal Constitucional”. Deste xeito, o goberno local pretende que a lei do aborto sexa modificada de forma que se acade o máximo acordo posible pero tendo como base a lei do 85.
Tamén saíu adiante a emenda do grupo de goberno sobre a área sanitaria da Mariña. Neste texto o goberno local instou á Xunta de Galicia a “garantir a continuidade dos servizos, unidades e consultas existentes no Hospital da Costa de Burela e incluso desenvolver cantas xestións e esforzos sexan necesarios para incrementalos e potenciar a súa calidade asistencial” ou tamén “levar adiante de inmediato a ampliación do Hospital da Costa, co fin de adaptalo á actual demanda asistencial, á mellor prestación para os pacientes e á realización do traballo dos profesionais con seguridade e calidade”.
En canto á moción da oposición sobre o emprego, o grupo de goberno aprobou unha emenda na que se reprobou o plan de emprego da Deputación e as súas bases, “excluíntes e partidistas” coas que “deixan fóra do proceso selectivo a todos os desempregados do noso concello”. Da mesma maneira, instouse ao Goberno Provincial a crear un novo plan de emprego ou complementar o actual para que poidan participar nel todos os concellos da provincia, incluído o de Cervo.
En canto á moción sobre a reforma local, quedou aprobada a emenda do grupo de goberno na que se solicita á Xunta que reforme a lei de administración local para “adaptala á realidade de Galicia e ás súas particularidades e especificidades, e tendo en conta as propostas que lle sexan formuladas dende a Fegamp”.