Mondoñedo, 22 de marzo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo dirixirá un rogo ao alcalde da localidade, o nacionalista Orlando González, no que lle solicitará que con carácter de urxencia corrobore se realmente as San Lucas están declaradas de Interese Turístico Nacional. De non ter esta distinción, os populares úrxenlle que inicie os trámites necesarios para que lle sexa concedida.
Os populares explican que As San Lucas contan coa distinción de Festa de Interese Turístico Galego dende o ano 1998; pero, todo parece indicar, que non son festas de Interese Turístico Nacional na actualidade, dado os cambios impostos na normativa sobre as competencias para outorgar estas distincións.
O PP refire a esta confusión que considera necesario que se estude e se analice dende o goberno local, para que realmente As San Lucas contén hoxe en día con esta declaración.
Confusión
Os populares explican que entre os anos 60 e finais dos 80 moitas festas obtiveron o galardón de Festa de Interese Turístico, un recoñecemento que, segundo matizan dende o PP, non tiña nada que ver coa categoría de Interese Turístico Nacional, a pesar de ser unha honra outorgada daquela polo Estado.
Tras as reformas de 1987 as Festas de Interese Turístico deixan de ser competencia do goberno Central e traspásase ás comunidades autónomas; que se encargan da declaración de Festa dentro de cada rexión. Polo tanto, esta circunstancia conleva moitos erros ata o punto de existir Concellos que catalogan as súas festas de Interese Turístico Nacional, sen selo de verdade. Este semella ser o caso das San Lucas.
Cursan unha petición dos veciños
Dende o Partido Popular aseguran que esta petición de estudar esta situación e de lograr a distinción para estas feiras, nace dos veciños froito do gran valor que teñen As San Lucas “e xa non só dende o punto de vista sentimental e subxectivo, senón tamén polo importante impacto turístico e económico que teñen para o municipio”.
As San Lucas ofrecen un interese real dende o punto de vista turístico, especialmente pola tradición da súa feira cabalar, que se converte nunha das máis antigas de Galicia e que vai este ano pola súa 858 edición.
Polo tanto, os populares defenden esta proposta e reiteran que as San Lucas son un importante foco de atracción tanto en Galicia como fóra da comunidade autónoma, polo que “agradeceríamos a implicación máxima da administración local para confirmar esta situación e lograr esta distinción para unha feira apegada á historia de Mondoñedo”
Aproveitar o potencial turístico de Mondoñedo
Os populares reivindican a necesidade de aproveitar todo o potencial turístico que ofrece a localidade e lograr a súa dinamización. Neste senso, dende o PP consideran que a potenciación das festas locais é un dos pasos a seguir.
Deste xeito, ademais de pedir que confirme a situación na que se atopan as San Lucas; dende o Partido Popular de Mondoñedo tamén lle piden ao nacionalista Orlando González que estude a posible tramitación para que o Mercado Medieval, As Quendas e a Semana Santa de Mondoñedo podan ter declaración de festas de interese turístico.