Martín Martín é a última montaxe da compañía mindoniense MIRCROMINA TÍTERES. O elenco, formado por Ton Arenas e Simón Piñón, está dirixido por Marceliño de Santiago, Kukas, un nome que forma parte xa da historia con maiúsculas da tradición dos monicreques no noso país. Martín Martín é un tenro e intenso espectáculo de títeres de luva e actor dirixido ao público infantil e familiar que conta como o neno Martín, inmerso no universo da televisión e os videoxogos, entra en contacto con outro xeito de sentir e de facer, o da súa avoa. Ela é quen lle amosa o valor da atención e do traballo coa propia creatividade cando lle regala un lápis “máxico”. A representación terá lugar este domingo 23 de marzo ás 17.30 h no Teatro de Ribadeo (rúa San Roque, 2) e a entrada terá un prezo de 2’5 euros.
