O grupo Municipal UNIFOZ ven de presentar dúas mocións para o seu debate no Pleno do Concello de Foz nas que propón “instar á Deputación a asinar un convenio que permita a aplicación de fórmulas de aforro enerxético no Concello” e á Xunta a asinar outro que “permita a aplicación da compostaxe doméstica no municipio”.
Nese sentido, argumentan que “a facturación eléctrica que mensualmente ten que asumir o noso Concello, representa unha porcentaxe importante do orzamento municipal; e segundo se recolle nos diferentes medios de comunicación, a Deputación Provincial está aplicando fórmulas cos diferentes concellos para conseguir aforro enerxético e por conseguinte un aforro nos correspondentes recibos de facturación por consumo eléctrico”.
E, por outra banda, recordan que “a compostaxe doméstica é unha das fórmulas que están poñendo en marcha os concellos coa finalidade de darlle un trato ecolóxico a unha parte dos residuos domésticos de forma especial no medio rural”.
Así mesmo, cren que “a posta en marcha de este sistema con vantaxes para os veciños/as, permite un aforro na factura de SOGAMA que ten que soportar este Concello”.