Lugo, 7 de abril de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, concedeu máis de 85.000 euros (85.500 euros) para apoiar o desenvolvemento nos últimos meses de proxectos de iniciativas emprendedoras levadas a cabo dentro da comarca da Mariña.
Un total de cinco proxectos da Mariña se beneficiaron destas axudas -que veñen de facerse públicas a través do Diario Oficial de Galicia (DOG)- e que tiñan como obxectivo xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade e mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na comunidade, con especial atención aos concellos do rural galego.
Estas axudas foron destinadas a empresas de nova creación, que resulten viables tanto técnica como económica e financeiramente e que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
As achegas concedidas mediante esta liña de axudas son de diversa tipoloxía: subvención á xeración de emprego estable, subvención financeira, subvención para asistencia técnica, subvención para o inicio da actividade e subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
En definitiva, con esta liña de colaboración impúlsase o apoio a actividade emprendedora en distintos eidos: desde facilitar o financiamento ata a conciliación da vida laboral e familiar. Deste xeito, actuase para que o colectivo sente unha base sólida e estable para que os emprendedores desenvolvan a súa actividade.