Burela, 29 de abril de 2014. En Burela celebraranse os días 8 e 9 de maio as XXI Xornadas Técnicas Expomar e o XV Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras. O evento, que organiza a Fundación Expomar, foi presentado este martes no salón de plenos do Concello de Burela. O sector pesqueiro analizará durante dous días cuestións coma as novas consecuencias das normas comunitarias na regulación da pesca ou a sostenibilidade pesqueira.
O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, José Mª González Barcia, dixo que “un ano máis a Fundación Expomar organiza as xornadas técnicas e o encontro empresarial de organizacións pesqueiras, que reunirá en Burela todo o sector da pesca non só ao galego, que tamén, senón ao de todo o Cantábrico e mesmo representantes de organizacións pesqueiras do sur da península e do Mediterráneo”.
O rexedor sinalou que “un ano máis o sector pesqueiro debaterá sobre cuestións que son do seu interese, sobre aquelas cuestións que lle afectan no presente, pero sobre todo daquelas problemáticas que terán continuidade no futuro. É certo que o sector pesqueiro para algúns está en crise desde hai anos, eu máis ben diría que está nun proceso permanente de cambio e de adaptación á nova situación provocada pola incorporación de España á Unión Europea e pola incorporación de novos países tamén de forma paulatina á UE”. González Barcia engadiu que “o sector tamén se ve afectado directamente polas disposicións políticas, polas disposicións que en materia de pesca poidan emanar desde a Unión Europea e que condicionan as propias disposicións de pesca do goberno do Estado e da comunidade autónoma”.
Sobre as temáticas que se abordarán nas XXI Xornadas Técnicas indicou: “así por exemplo na primeira xornada que terá lugar o 8 de maio poranse enriba da mesa as consecuencias das normas comunitarias na regulación da pesca. É dicir as consecuencias que terá para o sector a nova política pesqueira común. Hai asuntos que lles afectan aos armadores, aos mariñeiros e que teñen que ver coa rendabilidade do propio sector: as tripulacións mínimas, as máquinas desatendidas ou incluso todo aquilo que ten que ver coas últimas reformas da OCM. O sector está interesado en seguir mantendo a sostenibilidade pesqueira. Ese será o tema fundamental dos debates que centrarán a segunda xornada, o día 9 de maio. Se falará sobre descartes, sobre as áreas mariñas protexidas coma ferramentas de xestión de ecosistemas sostibles e da propia implicación do sector do mar de cara á sostenibilidade”.
Para o presidente da Fundación Expomar “ninguén está máis interesado que o sector en manter a sostenibilidade do mesmo, ninguén está máis interesado que o sector en preservar a sostenibilidade dos stocks, dos recursos, porque ninguén está máis interesado que o sector na súa permanencia, a dun sector que continúe vivo e que vaia en aumento de cara ao futuro”. José Mª González Barcia considera que “desde as administracións públicas ás veces se ten posto o foco de forma quizás esaxerada na preservación dos stocks. Hoxe en día hai informes científicos que avalan que os stocks están en perfecto estado de conservación, incluso en que certos casos son importantes e por tanto eu entendo que desde as administracións públicas, incluso aquelas que non temos competencias directas en materia de pesca como os Concellos, temos que apoiar a pervivencia do sector, porque en épocas de crise económica non se pode perder nin un só posto de traballo, non se pode perder nin unha soa actividade empresarial, non podemos estar desde as administracións públicas de costas aos intereses que ten o sector pesqueiro en manter os recursos como garantía de mantemento e continuidade da propia actividade empresarial pesqueira. Desde a Unión Europea se poden dar pasos importantes e en firme neste sentido”.
Para o alcalde burelés “convén poñer en valor toda a xestión que nos últimos dous ou tres anos se leva feito sobre as novas directrices da política pesqueira común, sobre o incremento de cotas que aínda seguen a ser poucas e escasas, pero son máis as que hai este ano que o anterior no que se refire por exemplo á pescada. Tamén é bó poñer en valor a implicación da Xunta, a través da súa Consellería de Mar, en velar polos intereses do conxunto do sector pesqueiro”.
José Mª González Barcia cre “sinceramente que vale a pena que Burela sexa unha vez máis o epicentro da pesca do conxunto do Estado español, onde o sector se reúna, plasme e poña enriba da mesa aquelas cuestións que lle afectan de forma directa, que plantexe alternativas, que plantexe solucións e esas solucións serán tidas en conta pouco a pouco polas administracións competentes”.
Á presentación desta mañá acudiron a xerente e a secretaria da Fundación Expomar, o xefe de Coordinación da Área do Mar, o patrón maior da confraría de pescadores de Burela, o presidente e o xerente de Absa, e representantes da Capitanía Marítima Provincial de Lugo, da OPP de Lugo, da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo e de Astilleros Armón.

























As persoas que non puideron obter a súa entrada durante o período de reserva anticipada poderán recoller as entradas restantes o propio día da función, mércores 5 de agosto, a partir das 20:00 horas, na taquilla do Teatro Pastor Díaz. A entrega realizarase ata completar a capacidade do recinto, cun máximo de catro entradas por persoa. O Concello de Viveiro agradece a excelente acollida que está a ter esta representación e lamenta as molestias que esta situación poida ocasionar.
Villares gabou o traballo do club Val de Francos, “que en tempo récord logrou situar esta cita entre as máis atractivas da provincia para os afeccionados á hípica”. Neste sentido, destacou a proxección que está a gañar este deporte e o impulso que recibe da Xunta, principalmente a través dun convenio coa Federación Hípica Galega polo que destina máis de 80.000 euros para as actividades a desenvolver este ano. A proba discorrerá por camiños forestais de terra, a excepción dos cruces de estradas, e constará de tres modalidades, con distancias de 80, 60 e 40 quilómetros respectivamente.
Arxentina de nacemento e viveirense de corazón, retomou en Galicia a súa vocación artística e atopou na escultura a súa forma de expresión. A súa obra céntrase en figuras humanas cargadas de emoción, en soidade ou en relación cos outros. A exposición reúne pezas seleccionadas e premiadas en certames de Madrid, Barcelona, Valdepeñas e Florencia nos últimos oito anos, que agora regresan —como a súa autora— á casa. Poderá visitarse ata o 29 de agosto.
A clasificación final quedou do seguinte xeito: en Sub-10, Los 5 FC proclamáronse campións, seguidos de Los Balones; en Sub-12, o primeiro posto foi para Aston Birra, seguido de Minavo de Kiev e The Blues Bananas; en Sub-15, o equipo Piti levou o título, seguido de PDC e Camoca; en Sub-17, PDC acadou o primeiro posto, por diante de Papa Cu Leti e Motototo; e na categoría Sénior, Motototo resultou gañador, seguido de Descansa e Texeira Lima. As medallas foron entregadas pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros José Manuel Balseiro e Alfredo Fernández, que felicitaron a todos os participantes polo seu esforzo e deportividade.
Durante o evento realizouse unha ofrenda aos mariñeiros falecidos e, seguidamente, tivo lugar a subida da imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa. Esta última xornada continuou cunha misa solemne, á que asistiron numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata a localidade mariñá, seguida da procesión acompañada pola Banda Naval e de actuacións musicais. A programación completarase a partir das 17:00 horas con diferentes actividades para os máis cativos e cativas.
A clasificación final situou a Braulio Gayoso (TM Luarca) como gañador, seguido de Eugenio Alonso (CD San Ciprián), e dun terceiro posto compartido por Carlos Ron (Atletic Génova TM) e Domingo Larriety (TM Luarca). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e destacou o éxito dun torneo que xa se consolidou como unha cita imprescindible do calendario deportivo estival. O Concello felicita aos gañadores, a todos os participantes polo alto nivel amosado durante a xornada e ao CD San Ciprián pola excelente organización dun evento que continúa reforzando o seu papel como referente do tenis de mesa no norte peninsular.
Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.



