O Goberno do PP no Estado insiste nunha reforma da Demarcación e Planta Xudicial que ten como previsión na comarca da Mariña a desaparición do partido xudicial de Viveiro, propoñendo un modelo en que todos os partidos xudiciais lugueses se supriman para os concentrar na capital da provincia. A proposta do Goberno central avoga claramente pola desaparición dos dous Xulgados de Primeira Instancia e Instrucción que teñen sede en Viveiro ao figurar que a potestade xurisdicional se exercerá «con exclusividade nos seguintes tribunais: Tribunal Supremo, Audiencia Nacional, Tribunais Superiores de Xustiza e Tribunais de Instancia». A reforma de lei orgánica que impulsa o PP desde Madrid, Santiago e Viveiro faise sen diálogo cos sectores afectados e decántase por un modelo provincial obsoleto, afastando así a Administración de Xustiza da xente, na liña que o PP xa trazou coa reforma da Administración Local. O anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial pretende eliminar os 45 partidos xudiciais galegos para deixalos en catro tribunais provinciais. Estes tribunais de instancia, con sede en cada capital provincial, só terían subsedes ou salas noutras cidades en contadas excepcións, coma no caso das cidades de Compostela, Ferrol e Vigo.
Sobre esta nova reforma hai dous anos que a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, leva formulando preguntas no Congreso dos Deputados e a quen o ministro Alberto Ruiz-Gallardón lle respondeu asegurando que “non se pecharán xulgados, pero que o modelo actual está esgotado”. Esta ambigüidade nas declaracións do señor ministro, insistindo en que os futuros Tribunais de Instancia que pretende crear suporán unha “flexibilidade” en cada sede xudicial e unha “especialización” e “racionalización” dos xulgados, indican que, tal e como xa vén acontecendo no partido xudicial de Viveiro cos asuntos penais que se axuízan no Xulgado do Penal de Lugo (antes eran os funcionarios deste órgano os que se desprazaban até a cidade do Landro para a realización das vistas), os usuarios da Xustiza do noso concello (partes procesuais, testemuñas, péritos, avogados…) terán que desprazarse á cidade das murallas para as actuacións que só se levarán a cabo na sede provincial.
Dado que esta creación de «Tribunais de Instancia» semella unha rémora dos extinguidos Xulgados de Distrito a nivel provincial, e que na práctica non supón máis que baleirar de contido os actuais Xulgados de Primeira Instancia e Instrución implantando un modelo centralizado que obrigaría ao desprazamento das persoas usuarias do servizo e mais dos profesionais (avogados/as e procuradores/as) cos custos que isto significa, os nacionalistas galegos somos contrarios a unha reforma desta envergadura porque empeoraría a xustiza no noso municipio, onde é necesaria unha revisión da demarcación da planta xudicial que teña en conta os cambios demográficos habidos nas últimas décadas para que se implanten novos xulgados debido a un aumento significativo da poboación.
O Partido Popular emprendeu unha reorganización dos servizos sanitarios, de facenda e de xustiza que está a provocar que os cidadáns de Viveiro teñan que desprazarse a unha distancia de cen quilómetros da nosa vila, co consecuente trastorno persoal, familiar, laboral e económico que isto supón. Os deputados populares, coa connivencia dos concelleiros e concelleiras elixidos para defender os intereses dos viveirenses neste pleno, están a negar aos nosos veciños uns servizos que son necesarios para todos e todas. A supresión dos partidos xudiciais incidirá no colapso que xa padece a administración de xustiza e que se traduce nunha diminución na atención aos cidadáns, pero que tamén terá consecuencias económicas importantes para os concellos, coma o noso, que temos xulgados de primeira instancia e instrución. É evidente que o camiño non é a redución das sedes xudiciais, senón que precisamente fan falla máis xulgados e mesmo habería que revisar a súa distribución atendendo aos cambios demográficos habidos nas últimas décadas.
Asemade, no que atinxe á modificación do Rexistro Civil que tamén se atopa ubicado na sede xudicial de Viveiro, non só se aborda a súa eliminación de xeito parello á desaparición dos Xulgados de Paz dos municipios que non son cabeza de partido xudicial, senón que ademais se encomenda o reparto das súas competencias entre os Rexistros da Propiedade e as Notarías. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto pasará a ser de pago, tal e como manifestou o propio colectivo de rexistradores/as que, en principio, mantén unha postura remisa a asumir esas competencias “se non queda absolutamente claro que os usuarios custearán o servizo”. Neste caso afectará a unha ampla maioría, pois será un gasto máis a asumir por todas as persoas que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación persoal (certificacións de nacemento, defunción, matrimonio e incapacitación), que á súa vez son imprescindíbeis para realizar matrículas ou para cobrar pensións, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas. Polo tanto, é evidente que as pretendidas reformas non van en beneficio da maioría das persoas, senón que se fan con criterios corporativistas e de falso aforro, fomentando o pagamento directo a determinados funcionarios/as públicos por un servizo que debería continuar sendo gratuíto, alén de iren na dirección contraria á modernización da Administración de Xustiza e do Rexistro Civil.
De se aplicar unha reforma neste sentido, as consecuencias serían moi prexudiciais para toda a veciñanza de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz (concellos que conforman o partido xudicial de Viveiro): afastamento da xustiza, encarecemento dos trámites e inaccesibilidade a un servizo público básico. O PP pretende afondar en impedir aínda máis o acceso a este servizo básico que comezou coa implantación de taxas xudiciais regresivas que coutan o acceso da cidadanía a un servizo público fundamental como é a xustiza.
Por iso pedimos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:
1. Instar a Xunta de Galiza para que lle demande ao Goberno do Estado á retirada da proposta do Ministerio de Xustiza para estabelecer un único partido xudicial na provincia de Lugo, mantendo a actual demarcación e planta do partido xudicial de Viveiro.
2. O impulso dunha reforma en profundidade da organización da Administración de Xustiza que implique a transferencia a Galiza da competencia exclusiva sobre a delimitación da demarcación e planta xudicial, e permita acometer unha revisión que asegure o mantemento de partidos xudiciais nas cabeceiras de comarca.
3. Expresar o rexeitamento á proposta do Goberno do Estado relativa á asunción por parte dos Rexistros da Propiedade e das Notarías das funcións dos Rexistros Civís.
4. Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno Central o mantemento da gratuidade das funcións que presta o Rexistro Civil do noso Concello.
Viveiro, a 23 de abril de 2014.
Bernardo Fraga Galdo
Portavoz Municipal do BNG de Viveiro

















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



