A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, subliñou que “levamos sete anos facendo estas xornadas. Non son moi habituais e cada vez son menos as actividades que se organizan en torno a esta temática en todo o noso país. Desde a Concellaría de Igualdade e desde o Concello de Ribadeo sempre fixemos unha aposta forte por mantelas, posto que consideramos que é algo fundamental que debemos transmitir e sobre todo facer visible esta problemática que existe”.
A edil nacionalista dixo que “estas xornadas xorden da mesa institucional da violencia de xénero, onde están implicados aqueles sectores e ámbitos desde unha perspectiva integral nós consideramos que teñen que unir as súas forzas e os seus recursos para tratar de paliar esta lacra social, que como ben sabemos e como se viu nestes últimos tempos tamén se ceba coa nosa comarca. Tres mulleres foron asasinadas nun espazo moi curto de tempo nesta zona e este é un motivo suficiente para que poñamos enriba da mesa esta xornada e para desde as institucións nos unamos todos e saquemos este tema á luz”.
Para Mariluz Álvarez Lastra “é o momento de analizar qué medios, qué cousas, qué esforzos ou qué plantexamentos públicos e políticos se están a facer, que son os axeitados, que hai que apostar por eles, que hai redefinilos, que hai que tirar para adiante e que hai que investir nese capital humano e nese capital económico que nos axude a paliar esta pandemia que existe. E desde logo que nos serva para analizar qué é o que está faiando, qué temos que mudar e cales son os obxectivos dos esforzos nos que temos que incidir para, cando menos, aminorar todo o que está a ocorrer”.
A concelleira de Igualdade indicou que “nas xornadas analizaremos desde distintas perspectivas, desde distintos sectores, desde distintos ámbitos qué é o que está a pasar, qué é o que evidencia que non vaiamos cara atrás e tamén que cada pouco tempo exista un asasinato, exista unha muller vítima da violencia de xénero”.
A avogada do CIM, Luisa González, foi a encargada de presentar o programa das VII Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local nas que se abordarán cuestións coma o papel que xogan os medios de comunicación ao abordar esta problemática, as respostas sociais diante da violencia machista, as prácticas coeducativas a desenvolver desde os centros educativos, o mito amor paixón e a relación coa violencia de xénero e a violencia de xénero na comunidade inmigrante.
As xornadas darán comezo o 9 de maio no Teatro, en Ribadeo, coa inauguración a cargo do alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra. E sábado, 10 de maio, rematárase cunha performance sobre a violencia de xénero que terá lugar na praza 8 de marzo ás 17.30 horas. Está organizado por colectivos sociais como son o Observatorio da Mariña pola Igualdade, o Grupo de Teatro de Ribadeo e o Grupo de Teatro de Ollomao. É un acto aberto ao público en xeral, a toda a cidadanía. Desde hoxe e ata 8 de maio estará aberta a inscrición nas VII Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local “para participar durante estes dous días nas xornadas e ter dereito a un certificado emitido polo Concello. A inscrición é de balde”. Luisa González e Mariluz Álvarez Lastra incidiron en que calquera persoa que o desexe, aínda que non estea inscrita, pode acudir ás conferencias.