Burela, 6 de maio de 2014.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, considera que no BNG están “molestos” porque o Partido Popular vai a poñer en marcha o servizo de oncoloxía no Hospital da Costa, xa que esta nova unidade vén a desmentir o falso discurso catastrofista que os nacionalistas veñen repetindo nos últimos anos sobre a sanidade pública comarcal.
O parlamentario popular considera que os nacionalistas non poden soportar que sexa o actual Goberno galego, presidido por Alberto Núñez Feijóo, o que fará realidade a unidade de oncoloxía que o BNG, cando formou parte do Goberno bipartito, nin soubo, nin tivo intención, nin quixo crear.
Balseiro ratifica a firme vontade dos actuais responsables da Xunta por facilitar o tratamento de quimioterapia a enfermos oncolóxicos da Mariña lucense, sen necesidade de desprazamentos, e lembra que non se trata dun feito futuro senón que o SERGAS, a través da Xerencia do hospital de Burela, confirma que xa están en marcha os traballos que farán realidade esta esperada unidade para pacientes de cancro.
“Non estamos falando de promesas, ou de irrealidades, senón dunha actuación que está xa en marcha. O BNG minte a todos os mariñáns cando asegura que non hai movemento algún porque como explicou o Xerente do Hospital se están movendo 98.000 historias clínicas, para baleirar os espazos necesarios para acoller esta nova sala”-dixo Balseiro.
O deputado popular agradece o esforzo que está a facer desde o Hospital da Costa na realización destes traballos, desde onde tamén explicaron as características que terá este novo servizo de oncoloxía, con capacidade para que reciban os seu tratamento consecutivo dez enfermos de cancro, cun espazo de consulta, un baño e unha área reservada en exclusiva para os doentes de uroloxía, o que tamén implicará a remodelación do departamento de Farmacia
NINGUÉN CRE AO BNG CANDO FALAN DE SANIDADE
Balseiro di que mentres desde o Partido Popular se está loitando por acadar este novo servizo, desde o BNG e os seus colectivos afíns “todo son obstáculos e mentiras. Mentían cando repartían panfletos asegurando que iamos a pechar o hospital, coa única intención de xerar alarma social. Feito polo que, aínda esperamos que pidan desculpas. E volven a mentir agora, amosando a súa enorme incongruencia, cando por un lado din que estamos desmantelando o centro e polo outro están pedindo que aceleremos a creación de novos servizos como a oncoloxía. Din unha cousa e a súa contraria e por iso ninguén pode crelos”
O deputado popular augura que este tipo de estratexias de mentiras e confusión seguidas polo BNG non lles dan bos resultados como demostra o feito de que en cada proceso electoral teñen menos votos, algo que volverá a repetirse nas europeas tras esa escandalosa coalición cos abertzales vascos Bildu. Non teñen credibilidade e por iso convocan xornadas e non lles vai ninguén salvo os seus propios cargos orgánicos.