Os alumnos do CEIP San Cosme de Barreiros celebrarán este venres o Día das Letras Galegas e faránno a través da vida e obra de dous autores galegos: un deles o homenaxeado (Xosé Mª Díaz Castro) e o outro o poeta mindoniense Leiras Pulpeiro.
Ás explicacións que sobre Díaz Castro darán as docentes a todos os alumnos do CEIP hai que unir unha actividade especial, dirixida ós estudantes de Primaria. Trátase dunha videoconferencia literaria que terá lugar este venres 16 de maio na Aula CeMIT do Concello de Barreiros a partir das 12.00 horas.
Un dos creadores do Grupo Literario Leiras Pulpeiro, Fran Bouso, compartirá con eles uns minutos para falar sobre a vida e obra deste escritor mindoniense, ademais de poñerlles unha canción e interpretar para eles un poema.
Unha forma entretida e novidosa de achegarse á literatura e ás Letras Galegas, a través das TIC’s.
Dende o CEIP agradecen a colaboración do Grupo literario e, nomeadamente, de Fran Bouso.