A Pontenova, 14 de maio de 2014. Nun acto celebrado polo BNG na Pontenova coa participación da Concelleira nacionalista, Mónica Rancaño e o sindicalista Sé Ferreiro os nacionalistas chamaron a unha rebelión que se debe concretar en votos contra o empobrecemento social, o espolio ao país e á xente que paga con dureza as consecuencias dunha crise cuxos responsábeis lonxe de asumir responsabilidades, aínda saen mais favorecidos. Na Pontenova púxose nome e apelidos a quen aceitou condicións leoninas para salvar a débeda da banca privada que converteron en pública, e quen aceptou a imposición da reforma constitucional spress pactada entre PP e PSOE que recorta en servizos básicos para a poboación como sanidade, ensino ou servizos sociais públicos.
O BNG reclamou No acto celebrado hoxe á tarde na Pontenova a existencia dunha renda social básica europea que evita a exclusión social e a pobreza na que están inmersas milleiros de persoas en Galiza. Os nacionalistas non están en disposición de mirar cara outro lado e aceitar o discurso do PP da existencia de luces ao final do tunel cando existen 650.000 persoas en risco de exclusión social e 120.000 en situación de pobreza extrema ou 32.000 fogares galegos non dispoñen de ningún ingreso.
Para os nacionalistas “as persoas en situación de pobreza e de exclusión social teñen nome e apelidos, non son meras cifras que soben ou baixan en función de estudos estatísticos”, mais tamén os teñen os responsábeis desta situación que nun caso anunciaban brotes vertes e noutro unha luz ao final do tunel. Desde o BNG acusaron a PP e PSOE de ser dúas caras da mesma moeda como se viu co pacto da reforma spress da constitución, acatando directrices europeas, coa consecuencia do desmantelamento dos servizos públicos sanitarios, educativos ou sociais para entregalos a mans privadas.
O BNG reclama intruducir unha renda social europea que teña como obxectivo impedir os actuais procesos de empobrecemento de amplas capas da sociedade e asegurar unha calidade de vida digna. Ao tempo piden mellorar a política fiscal para facela mais progresiva, xusta e avance no control das grandes fortunas e na eliminación dos paraísos fiscais. É necesario ademais recuperar a misión reguladora e estabilizadora dos poderes públicos na actividade económica, e que a intervención pública no seo da UE garanta que os seus beneficiarios principais sexan as persoas traballadoras, así como as pequenas e medias empresas que forman parte do tecido produtivo básico de cada territorio. Ademais piden introducir criterios e obxectivos de achega á política social por parte do sector público en toda a UE, para o seu cumprimento obrigatorio e que sexa preferente face aos indicadores macroecónomicos das finanzas públicas.