Barreiros, 21 de xuño de 2014. As persoas ou pequenas e medianas empresas que queiran ter acceso a internet de banda larga vía satélite poden acudir á charla que se seguirá por videoconferencia desde a Aula CeMIT de Barreiros o vindeiro mércores, 25 de xuño, a partires das catro da tarde.
Desde a Aula CeMIT lembra que “ata o 30 de agosto está aberto o prazo para que os cidadáns ou as pequenas/medianas empresas poidan solicitar unha axuda para o acceso a internet de banda larga vía satélite, a través dun programa executado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) en colaboración coa AMTEGA”.
O próximo mércores, 25 de xuño, transmitirase por videoconferencia dende a Aula CeMIT de Barreiros unha charla dunha hora de duración na que se explicará, dunha forma sinxela, a forma de presentarse a esas axudas e de poder ter acceso a internet naquelas zonas con mais dificultades de cobertura que non poidan usar outras tecnoloxías.
Segundo engaden desde a Aula CeMIT “os beneficiarios das axudas poderán ser fogares e empresas ubicadas en Galicia cunha única subvención destinada a sufragar os costos de instalación, así como o costo do equipamento do interior da vivenda ou empresa necesaria para distribuír o sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros, e condicionando a contratación dun servizo de alomenos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses”.