MANIFESTO: “POLO DEREITO A DECIDIR, POLA REPÚBLICA GALEGA”
Estamos a vivir un momento político decisivo. A abdicación do Borbón é ao tempo manifestación evidente da crise do sistema político español e intento de garantir a supervivencia da monarquía como referente simbólico dun réxime hoxe caduco e esgotado, herdado dunha chamada Transición democrática que non supuxo ruptura co franquismo e que negou sistematicamente o dereito da nosa nación a decidir libremente o seu futuro.
Para alén de encabezar un réxime en descomposición, a monarquía e o Borbón simbolizaron perfectamente o carácter arcaico, antidemocrático e corrupto do sistema político español. Un sistema posto ao servizo da oligarquía española, que controla os sectores oligopolios e os centros de poder do estado, que vén reforzando as desigualdades sociais e territoriais, condenando gran parte da poboación á precariedade e á miseria. Un sistema que é responsábel polas graves políticas antisociais que padecemos, polo desmantelamento dos nosos sectores produtivos, a privatización dos servizos públicos, a precarización das condicións laborais, o desmantelamento e control foráneo do noso sistema financeiro, o roubo de salarios e aforros, os desafiuzamentos masivos, a discriminación da nosa lingua, a emigración da nosa mocidade… Que é responsábel, en definitiva, por cercear a oportunidade de termos na Galiza un presente con xustiza social, benestar e liberdade.
Mais non queremos perder o futuro. E xustamente por iso, por exixencia democrática, por dignidade -mais tamén por necesidade- fronte á dramática situación que vivimos, erguemos a bandeira da República. Unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; no desenvolvemento da nosa capacidade produtiva, na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo. Esa será a nosa República.
Por iso é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República. Chamamos a atención para a necesidade de a Galiza estar presente como suxeito político activo no debate que agora se abre. Está en xogo a propia existencia do noso País, o noso futuro como nación. Por iso, o debate central non é monarquía española ou república española. O debate real é entre España e Galiza, entre continuarmos nesta situación de opresión ou camiñarmos para un futuro de liberdade.
Porque é evidente que unha simple mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso País e non resolverá os problemas que padecemos se non rompermos a dependencia á que Galiza está sometida. Para podermos mudar realmente esta situación precisamos de liberdade e de capacidade para decidir en función dos nosos intereses como nación, precisamos de soberanía.
Por iso, as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado, a República da Galiza.