Cervo, 12 de xuño de 2014-A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, preguntoulle este xoves ao grupo municipal socialista “se considera que coñece mellor a realidade social do Concello que as propias traballadoras municipais”. Armada reitera que “as técnicos de Servizos Sociais valoran e dan solución a todas as demandas e necesidades que poida ter a poboación en materia social”. Neste sentido, a edil destaca que estas traballadoras “fan un traballo moi importante e desenvólveno con sensibilidade, de forma responsable e constante”.
Por iso, a edil pídelle ao PSOE de Cervo que “non subestime o traballo das técnicos sociais, que son as que coñecen todos os casos de necesidade que poida haber no municipio”.
Da mesma maneira, Armada recoméndalle aos socialistas que non polemicen “cun asunto tan serio e sensible” e pide que o aborden “con responsabilidade e sensatez”.
A responsable de Servizos Sociais tamén lembra que “o que teñen que facer os socialistas é preocuparse de verdade polos temas sociais, por exemplo aportando máis do irrisorio 1% que destina na actualidade a Deputación a financiar os Servizos Sociais de Cervo”.