Foz, 17 de xuño de 2014. Foz acollerá a sétima edición do campus de patinaxe artística do 23 ao 27 deste mes. As actividades foron presentadas este martes cun acto no que participou o alcalde, Javier Jorge Castiñeira.
O rexedor municipal explicou que “os nenos e nenas maiores de 5 anos poderán gozar dunha semana intensa de campus de patinaxe, no que terán tamén outras actividades deportivas, culturais e turísticas. Neste sentido o Concello de Foz está moi contento do resultado das anteriores edicións deste campus, no que normalmente se esgotan todas as prazas”.
Javier Castiñeira destacou que esta actividade “permite tamén a conciliación da vida laboral para todas aquelas familias que teñen rapaces que están xa na primeira semana de vacacións. É unha forma de que os nenos sigan activos. O horario é dende as 10 e media da mañá ata as 7 e media da tarde, comida incluída, e o prezo son 100 euros”.
Ademais do alcalde de Foz, no acto de presentación celebrado esta mañá participaron a directora do campus, Rebeca Díaz; a coordinadora, María Gómez, e o presidente da asociación Escolas do Deporte, Ibán García.