Burela, 17 de xullo de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, agarda recibir no Concello a mediados da vindeira semana o proxecto básico da nova escola infantil para proceder a continuación a concederlle a licenza de obra. Eses traballos poderían dar comezo xa a principios de setembro. Todo apunta a que a gardería estará operativa para o inicio do curso 2015/2016.
O rexedor explicou que “os próximos días, de aquí ata finais de mes, servirán para axilizar os trámites administrativos do que queremos que sexa a nova escola infantil de Burela, que vai a contar con 41 prazas. Está previsto que, como moi tarde, a mediados da vindeira semana se reciba no Concello o proxecto básico da obra para proceder a conceder a licenza de obra preceptiva”.
“Para o día 28 de xullo ás 10 da mañá, se non hai inconvintes, está previsto xunto cos propietarios do solar no que se vai construír a nova escola infantil asinar a acta de ocupación dese terreo e o 29 ou 30 realizaríase unha xunta de goberno extraordinaria para dar conta de que o solar xa é propiedade do Concello de Burela, conceder a licenza de obra e comunicarlle á Axencia Galega de Benestar e Servizos Sociais todo aquilo que sexa preceptivo para que por parte da Xunta se poida proceder ao inicio das obras no prazo que eles estimen oportuno”, seguiu a relatar o alcalde de Burela.
José Mª González Barcia dixo que “en principio se estaba a barallar como mes para poder iniciar as obras o de setembro, incluso a principios. Isto é un paso importante cara adiante de cara a cumprir o noso compromiso con Burela e o noso compromiso cos servizos sociais, e sobre todo con aquelas persoas que precisan de prazas na escola infantil”. E engadiu “sabemos que na escola que agora mesmo temos aquí en Burela hai lista de espera. Uns 20 ou 22 nenos quedaron fora e tamén sabemos que hai pais que non están a inscribir aos seus fill@s na escola infantil porque saben que se poden quedar fora. Deste xeito 41 familias poderán dispoñer de praza pública na nova escola infantil para o curso 2015/2016. A principios dese curso é cando está previsto que esa instalación entre en funcionamento. Iso suporá que 41 familias se asenten en Burela e contribuirá tamén a crear postos de traballo”.