Santiago de Compostela, 8/07/2014. Ante a posible aprobación en Consello de Ministros do anteproxecto da lei do aborto, Médicos do Mundo e as sociedades científico-sanitarias que subscriben este comunicado insisten na súa oposición a esta lexislación que implica unha diminución da autonomía, os dereitos e a saúde das mulleres e é contraria aos compromisos internacionais en materia de dereitos sexuais e reprodutivos.
Por iso, os asinantes deste comunicado loitarán para que o proxecto de lei do aborto non chegue a ver a luz e solicita ao Goberno español, ademais da retirada do texto lexislativo, que garanta ás e aos mozos o acceso a unha educación afectivo-sexual que lles permita tomar decisións fundamentadas na materia e que facilite ás mulleres o acceso a métodos anticonceptivos modernos e seguros, incluíndo a anticoncepción de urxencia.
A norma impón ademais unha demora dos tempos que pode afectar negativamente aos prazos recomendables para un aborto seguro e incrementará a brecha de desigualdade social e económica: as mulleres con suficientes recursos económicos evitarán ese calvario e buscarán a forma de interromper o seu embarazo fóra do noso país, mentres que as mulleres sen recursos recorrerán a abortos inseguros ou se verán obrigadas a facer fronte a embarazos non desexados.
As consecuencias negativas desta norma, no caso de que supere o trámite parlamentario, serán especialmente duras para as mulleres en situación de exclusión social, para as que sobreviven con rendas máis baixas e para as inmigrantes sen acceso á sanidade. Ademais de pór en perigo as súas vidas, a norma enfrontaraas a un clima de rexeitamento e estigmatización.