Burela, 12 de agosto de 2014. Burela reuniu este martes pola mañá ao Comité de Xestión de Praias, creado por suxestión de ADEAC, a entidade que concede as bandeiras azuis, para analizar o estado dos areais municipais e facer unha primeira valoración do mesmo, do uso que se lles está dando, e das incidencias que teñen acontecido no que vai de verán.
Este Comité está presidido polo alcalde e integra a representantes da Corporación, técnicos municipais de medio ambiente, de protección civil, representante da Policía Local, así como das empresas de limpeza, abastecemento de auga e saneamento.
Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, a reunión foi fundamentalmente analítica e informativa. López Eijo destacou “a importancia de manter o distintivo bandeira azul para as praias de A Marosa e Portelo, que o posúen desde 1993 e 1999 respectivamente (aínda que Portelo perdeuna un ano, en 2003), para o barco museo Reina del Carmen (que conta con ela de xeito ininterrompido desde 2002) e para a Aula de Educación Ambiental Gaia (que tamén conta con ela de xeito ininterrompido desde o ano 2000). Pero tamén nos satisfai ver cómo Ril acada a bandeira azul de novo, agardamos que para non perdela, e cómo por primeira vez se acada a distinción para os Sendeiros Azuis-Rutas do Litoral”.
Segundo a edil popular “hai que destacar o mantemento do número de socorristas nos tres areais bandeira azul, o que demostra o compromiso do Concello na materia”. Neste senso, López Eijo subliñou “o avance que se produciu tanto en Ril coma en Portelo, coa adquisición por parte municipal de novas infraestruturas para socorristas e a instalación de servizos hixiénicos, que melloran substancialmente o que xa había, pero que tamén significan un considerable aforro económico para o Concello”.
López Eijo tamén fixo mención ao emisario submarino, “que o atopamos en moi mal estado en 2011, o que supuxo un desembolso de 30.000 euros; desde ese ano, se fai unha revisión anual, e a deste ano, feita a finais de xullo, demostra que está en bo estado de funcionamento”. A concelleira recoñeceu que o estado do emisario “pode condicionar o resultado das analíticas das augas de baño; no que levamos de verán, as analíticas dannos que as cinco praias do Concello son aptas para o baño, mesmo Penoural”.
A responsable municipal de Medio Ambiente aludiu ao uso que se lles dá ás praias durante o verán: “a Aula de Educación Ambiental Gaia organizou e organiza diversas actividades durante o verán, para que a poboación infantil se vaia familiarizando coas praias non como meros espazos para tomar o sol ou bañarse, senón como espazos que contan co seu propio medio natural, e que polo tanto deben ser respectadas e coidadas”.
Logo de indicar que “no que vai de ano, non teñen acontecido incidentes graves en materia de salvamento e socorrismo, agás as típicas escordaduras ou picaduras, debido a que os socorristas fan unha labor efectiva e a que os usuarios somos cada vez máis responsables”, Patricia López indicou que “se recolleron unha serie de suxestións que se tentarán aplicar, sempre e cando a economía municipal o permita, en anos sucesivos”.