Ribadeo, 27 de agosto de 2014.- Comezou en Ribadeo o III Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia. Setenta persoas asisten ás ponencias polas mañás e aos obradoiros polas tardes. O venres o evento concluirá ás 15 horas e dará paso á II Mostra e Feira de Coches Clásicos, que poderá visitarse, de balde, ata o domingo nos xardíns do hotel O Cabazo.
No acto de inauguración que tivo lugar a primeira hora da mañá o presidente de Apaga, Álvaro Doural, agradeceu “en nome da asociación, como presidente, a resposta a esta actividade”.
Pola súa banda, Isidro Berdeal, coordinador do Fórum deulles á benvida aos asistentes “e ante todo agradecer a vosa participación e tamén a axuda de institucións e empresas colaboradoras para poder levar a cabo esta actividade. Neste momento hai inscritos uns 70 participantes neste fórum, que rematará o venres ás tres da tarde, e dará paso á segunda feira e mostra de vehículos clásicos. O venres ás oito da tarde neste mesmo salón do hotel O Cabazo haberá unha mesa redonda sobre restauración de clásicos e vehículos en xeral. O sábado será o día de Ford e haberá unha exposición de vehículos clásicos e tamén actuais da marca Ford xunto ao Cine Teatro de Ribadeo, onde se fará unha conferencia cuns relatores moi postos en vehículos clásicos no Cine Teatro. Despois trasladaranse eses vehículos clásicos para o recinto do hotel O Cabazo e teremos exposición deses coches na zona do párking durante o sábado e o domingo”.
E o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, dixo que “neste terceiro fórum vexo que participades profesionais, profesores, xente máis nova, que deduzo que serán alumnos, e incluso tamén xente que son afeccionados, porque creo que esta actividade organizada dende a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia estádela facendo moi integradora, non soamente para actualizar coñecementos de mecánica ou de chapa, senón tamén para facer actividades alternativas”. O rexedor considera que “para Ribadeo isto vén moi ben. Esta mostra e feira de vehículos clásicos sen dúbida que lle vai vir moi ben a Ribadeo precisamente nunhas datas de practicamente inicio das festas da patroa e de finalización do verán. Será un aliciente máis, dos moitos que hai, para seguir vindo a Ribadeo, neste caso para ver vehículos clásicos. E o máis importante do que ides facer é dar formación, de reciclaxe para os coñecementos de moitos de vós”.
Para Fernando Suárez “estas iniciativas que estades facendo vós aquí, en Ribadeo, dende hai uns anos é algo polo que paga a pena apostar. Desde o Concello, na medida das posibilidades, así o facemos; e tamén por parte doutras institucións, nomeadamente a Deputación de Lugo; e logo tamén eu valoro todas estas colaboracións de entidades privadas que, en maior ou menor medida, están apostando por este fórum e por estas iniciativas que levades tempo facendo”.