Cervo, 13 de agosto de 2014- Carolina Cordido García, de 11 anos, alumna de 6º de primaria no CEIP de Cervo, resultou a gañadora do Concurso de Cómic convocado polo Concello. Carolina recolleu o premio á mellor historieta de humor e ao mellor guión da man da edil de Xuventude, Yolanda Pedreira, que incluíu a encadernación do cómic, os diplomas correspondentes e diverso material escolar.
Pedreira quixo felicitar a Carolina “pola súa creatividade” e por contar unha historia “entretida e cun deseño moi orixinal”. O cómic gañador titúlase “Carreira de tractores” e conta a historia dun veciño de Cervo que quere participar nunha competición pero atopa que non quedan prazas, polo que decide organizar a súa propia carreira de tractores.
A edil de Xuventude explica que co “Concurso de Cómic o Concello pretende fomentar a creatividade e a participación activa da mocidade, neste caso destacando as capacidades artísticas da xuventude”. Un obxectivo que comparte co Concurso de Talentos que esta tarde celebra a súa final (21 h. Casa da Cultura) despois de que o luns tivese lugar a selección dos candidatos. Nel participan mozos e mozas que demostrarán as súas habilidades en canto, baile, instrumentos ou acrobacias.